Presentación do 'Portal das Palabras'

Este novo espazo dixital, desenvolto conxuntamente pola Academia e a Fundación Barrié, ten como obxectivo contribuír ao coñecemento e difusión dos recursos léxicos creados pola Academia entre a comunidade escolar.
Monteagudo Romero, Alonso Montero, Arias Mosquera e López Martínez.
Monteagudo Romero, Alonso Montero, Arias Mosquera e López Martínez


O acto de presentación contou coa presenza dos presidentes da Academia e da Fundación Barrié, Xesús Alonso Montero e José María Arias Mosquera; do secretario da Academia, Henrique Monteagudo Romero; do director da Fundación Barrié, Javier López Martínez e dos membros numerarios Rosario Álvarez Blanco e Xesús Ferro Ruibal.

"Presentamos este portal co obxectivo de difundir o acerbo léxico da Academia entre os máis novo", comentou o presidente da Fundación Barrié, Arias Mosquera, sobre o Portal das Palabras, e engadiu: "este portal é froito da sinerxía, do traballo conxunto entre os especialistas da Academia e os de Educa Barrié, e esta institución vai seguir ofrecendo a súa colaboración á Academia en calquera proxecto dirixido ao mundo da educación".

"Hoxe é un día grande para a Academia, hoxe vimos de presenciar un verdadeiro acontecemento no eido da lexicografía galega", salientou Alonso Montero respecto da nova versión do Dicionario. Alonso Montero expresou, a continuación, en nome da Academia, o seu agradecemento á Fundación Barrié polo seu longo historial de colaboración e apoio económico á Academia: "nós desexariamos que o seu exemplo se estendese a outras empresas privadas, e que no futuro puideramos contar cunha asociación de amigos da Academia, como a que apoia á Real Academia Española".

"Este Portal das Palabras é o resultado da colaboración entre dúas constitucións, e tamén dunha complicidade no xeito de ver as cousas" comentou o director da Fundación Barrié, Javier López Martínez subliñou, na súa quenda, quen destacou o carácter eminentemente didáctico e pedagóxico do novo espazo virtual dirixido aos máis mozos, "porque neles reside o futuro da nosa lingua". No capítulo de agradecementos, López Martínez fixo mención dos membros da anterior directiva da Academia, Méndez Ferrín, Axeitos Agrelo e González González que participaran na posta en marcha do proxecto, e salientou o importante labor de Lois Rodríguez e Diego Rodríguez na súa execución.

Para o secretario da Academia, Henrique Monteagudo, o Portal das Palabras é o resultado da confluencia de tres factores: "por unha parte, temos todo o traballo de investigación feito polo Seminario de Lexicografía, por outra, as innovacións tecnolóxicas que permiten o seu mellor tratamento e capacidade de divulgación, e un terceiro factor que son as aplicacións puramente didácticas e pedagóxicas". Monteagudo Romero rematou o seu discurso exemplificando, en proxectos como o Portal das Palabras, a vocación de servizo da Academia á sociedade galega de hoxe.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete