Oxford escoita os novos versos de Chus Pato

Era o día da miña execución /movíame con facilidade, podía mesmo embarcar / lembraba todos os códigos. Así arrinca un dos poemas de Un libre favor (Galaxia, 2019), o último libro de Chus Pato. A obra soou no Queen's College da Universidade de Oxford —fundado no s. XIV— en versión orixinal e en inglés no recital protagonizado pola académica e a súa tradutora, Erin Moure. It was my execution day / I moved with ease, could even embark /I remembered all the codes, respondeulle a tamén poeta, canadense de orixe galega. O acto enmarcouse na programación da residencia sobre escrita internacional e tradución do Queen's College, que incluíu outras actividades protagonizadas por ambas as autoras.

Chus Pato e Erin Moure nun momento do recital


Os versos do último libro de Chus Pato encheron o pasado xoves auditorio Shullman do Queen's College nun serán no que o público tamén puido gozar da lectura de Secesión (Galaxia, 2009), á que se sumou Alba Cid, lectora de galego na Universidade de Oxford. A docente leu ademais un poema de Atlas, a súa vindeira publicación.

Durante a súa estadía na Universidade de Oxford, Chus Pato mantivo un encontro do alumnado da Facultade de Linguas Modernas e Medievais e puido reflexionar xunto á súa tradutora sobre o que significa levar unha obra a outra lingua. A súa é unha das voces máis innovadoras da poesía galega contemporánea e tamén de maior proxección, con traducións a distintos idiomas. A creación da académica é coñecida no mundo anglófono a través das traducións de Erin Moure, que verteu anteriormente ao inglés Charenton, m-Talá, Hordas de escritura, Secesión e Carne de Leviatán.

O de Oxford non foi o primeiro recital internacional compartido por Chus Pato e Erin Moure. No ano 2015, a poeta ourensá converteuse na primeira figura das letras galegas en rexistrar a súa voz na Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard a través dos versos de Secesión, interpretados en inglés por Erin Moure.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 10 de decembro de 2019 / 18:30 h
Achegamento á literatura de Urbano Lugrís González
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete