Ourense acolle o 22 de novembro os actos de celebración dos 150 anos da 'Gramática' de Saco Arce

A Real Academia Galega celebrará o 22 de novembro en Ourense os 150 anos da publicación da primeira gramática galega elaborada con criterios científicos. O IES Otero Pedrayo acollerá o xoves da semana que vén a inauguración dunha exposición conmemorativa e unha xornada de homenaxe ao seu autor, Juan Antonio Saco Arce (Toén, 1835 – Ourense, 1881), organizadas pola institución para achegar o público á figura do lingüista ourensán e á súa obra no contexto do seu tempo.

Juan Antonio Saco Arce


A Gramática gallega viu a luz en 1868, saída do prelo de Soto Freire, cinco anos despois da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Aínda que a súa popularidade non é comparable, a obra de Saco Arce é tamén un texto fundador cuxa importancia a Real Academia Galega quere lembrar co gallo desta efeméride.

Cuberta da primeira edición da 'Gramática'.

O programa de actos da RAG en Ourense arrincará o xoves 22 de novembro ás 13 horas coa inauguración da mostra 150 aniversario da Gramática gallega de J. Antonio Saco Arce, ideada e realizada polo académico correspondente Afonso Vázquez-Monxardín, e organizada co patrocinio da Deputación de Ourense e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas terá lugar a homenaxe organizada polo Seminario de Gramática da Real Academia Galega, na que sete voces expertas trazarán o perfil biográfico de Saco Arce e afondarán na súa Gramática desde distintas perspectivas.

A coordinadora do Seminario de Gramática, a académica Rosario Álvarez, presentará os tres relatorios que conforman a primeira parte do programa, aberto a todo o público. Juan L. Saco Cid deterase na biografía intelectual de Saco Arce, o académico Antón Santamarina ollará a Gramática no contexto de emerxencia destes estudos no seu tempo e a profesora da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña Teresa López centrará a súa intervención na litetatura na gramática.

A partir das 18:00 horas, outros catro convidados afondarán no xurdimento da Gramática nunha mesa redonda moderada polo académico Xosé Luís Regueira. O profesor de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela Francisco X. Dubert García abordará a gramática na Gramática de Saco Arce; o profesor da Universidade de Vigo Xosé A. Fernández Salgado analizará a súa proposta ortográfica no contexto do Rexurdimento; o investigador Xurxo Martínez tamén se achegará á obra de Saco Arce desde a perspectiva do momento en que xurdiu e o académico correspondente Ernesto González Seoane falará da descrición e da prescrición nesta obra fundacional.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete