"Os nomes das vías urbanas deben rescatar a microtoponimia xa existente no lugar"

Os nomes das rúas forman parte da paisaxe lingüística das vilas e cidades, e quizais por iso a miúdo pasa desapercibida a rica información que portan. Neles subxacen compoñentes sociais, históricos e mesmo políticos nos que se profundará na IV Xornada de Onomástica Galega. O encontro que a Real Academia Galega celebrará o vindeiro 19 de outubro no Museo de Pontevedra servirá tamén para insistir na necesidade de empregar a microtoponimia tradicional para nomear as novas vías urbanas, salienta a académica correspondente, Ana Boullón.

Ana Boullón coorganiza, xunto á tamén académica correspondente Luz Méndez, este novo encontro do Seminario de Onomástica da RAG que contará con achegas de 14 especialistas. O programa presentarase este mércores en rolda de prensa no Museo de Pontevedra.

Ata que momento do pasado podemos rastrexar os nomes que se daban ás rúas?
Sabemos moi pouco dos núcleos de poboación anteriores á Idade Media. Non temos ningunha información, por exemplo, de se se empregaban denominacións deste tipo dentro dos castros. Os rexistros escritos que conservamos en Galicia de maneira cuantitativamente relevante son a partir da alta Idade Media e están escritos en latín, porque o galego empeza a aparecer na prosa documental a partir do século XIII. Neste tipo de textos existen moitas referencias ás cidades, e con elas, aos nomes das rúas. Temos información dos núcleos máis importantes daquela época: Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Ribadavia, Baiona, Mondoñedo...

Fala de cidades e rúas, pero na IV Xornada de Onomástica Galega haberá un relatorio que se titula "Hai rúas nas aldeas?", a partir dunha experiencia didáctica no concello de Valga. Pode avanzarnos a resposta a esta pregunta?
Historicamente hai estudos dos nomes das rúas das cidades e das vilas, pero os nomes dos espazos urbanos dentro das aldeas non foron nada investigados. Na xornada farase por primeira vez, que eu coñeza, unha aproximación ao seu estudo. Se se lles poden chamar ou non rúas é algo que tamén se pode determinar. É certo que non teñen placas, como nas vilas e cidades, pero cando son un pouco grandes a veciñanza distíngueos con determinados nomes.

Volvamos ás cidades e vilas. Que orixes adoitan ter os nomes das súas rúas? Son coñecidos os que fan referencia a antigos gremios, por exemplo. Hai algún outro patrón?
Si, todos temos conciencia deses casos, nomes como o da rúa da Caldeirería ou a da Azibechería. Seguindo en Santiago de Compostela, temos a rúa Nova, que era nova con respecto á do Vilar; ou a rúa do Franco, documentada xa no século X, no Tombo de Sobrado, e que fai referencia a un personaxe, Bertenando Franco. Nestes catro exemplos xa vemos que hai fundamentalmente dous tipos de nomes de rúas: por unha banda, os descritivos, que fan referencia ao lugar pola súa situación, polas profesións que se desenvolvían nelas ou por outros aspectos transparentes; e por outra, os nomes conmemorativos, que sería o caso da rúa do Franco. Este patrón repítese en toda a hodonimia estudada.

Na xornada presentarase unha proposta para un modelo de denominación hodonímica. Cal debe ser o punto de partida?
Os nomes das vías urbanas deben rescatar a microtoponimia xa existente no lugar. Así o reivindicamos desde a Asociación Galega do Onomástica e así o recomenda tamén o propio grupo de expertos en nomes xeográficos da ONU. Este grupo sinala que un topónimo de nova creación non debe sepultar un nome tradicional e ben asentado. Só acolle a posibilidade de dar nomes conmemorativos como último recurso cando, por exemplo, non hai microtopónimos dabondo para nomear as novas rúas. Advirte ademais que os nomes conmemorativos deben concederse postumamente e que non se deben empregar para sinalar accidentes, traxedias ou vítimas.

Hai concellos que decidiron someter a votación o proceso de asignación de nomes a algunhas vías.

Ao mellor fano con boa vontade, pero se os lugares xa teñen nomes, non se pode facer unha consulta democrática. O que hai que facer é ver cal é o nome tradicional que xa ten o sitio e seguir a empregalo. Neste sentido, gustaríanos que esta xornada tamén sirva para aumentar este coñecemento entre os concellos.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete