Os cursos "Galego sen fronteiras" comparten un ano máis diversidade

O interese pola lingua e a cultura galegas non ten límites. Proba diso son un ano máis os Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras", que chegan neste 2018 á trixésimo primeira edición e suman xa máis de 2.900 persoas formadas nas súas aulas. Os encontros foron inaugurados hoxe en Santiago de Compostela cun acto de benvida a preto de 80 estudantes procedentes de vinte e catro países de Europa, América, Asia e África, e cinco comunidades autónomas. Na sesión incidiuse na importancia deste programa para a proxección internacional da lingua e da cultura de noso e o intercambio cultural. Ata o 24 de xullo o alumnado recibirá clases teóricas e prácticas de lingua e literatura galegas combinadas con relatorios que ofrecerán unha visión plural da cultura do país a través das olladas de profesionais do mundo do teatro, a poesía, a divulgación científica ou os medios de comunicación, excursións e obradoiros ou roteiros sobre a tradición musical.

Alumnado, profesorado e responsables das institucións que colaboran nos Cursos "Galego sen fronteiras" ás portas da Facultade de Filosofía momentos antes do acto de inauguración. Fonte: RAG


A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela coorganizan esta iniciativa coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña. O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; os codirectores dos cursos, o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e o director do ILG e académico, Xosé Luís Regueira; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei; e o vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González Seoane, recibiron os estudantes no acto de apertura celebrado na Facultade de Filosofía da USC. O alumnado procede de Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Cuba, Ecuador, Estados Unidos, México, Marrocos, Singapur, Xapón, Alemaña, Bélxica, Inglaterra, República Checa, Croacia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Rusia, Suíza e as comunidades autónomas de Andalucía, Cataluña, Madrid, Estremadura e País Vasco.

Un espazo para compartir e enriquecer a nosa lingua
O presidente da Real Academia Galega incidiu no seu discurso na importancia do "respecto á diversidade para construírmos un mundo mellor" e animou o alumnado a "afrontar o proxecto de futuro" da súa xeración desde esta perspectiva, que tamén inclúe a diversidade das linguas, advertiu. Víctor F. Freixanes comparou a Compostela e a Galicia actuais coas da época na que se esculpiu o Pórtico da Gloria, cuxas obras de restauración foron presentadas un par de horas antes. Daquela, igual ca hoxe, Santiago recibía persoas chegadas de moi lonxe. "Abrimos os nosos brazos para que poidades visitarnos e saber de nós mais tamén queremos saber de vós", engadiu aos que serán no futuro "os nosos embaixadores alí onde esteades". "Vós enriquecedes a nosa lingua, porque unha lingua son os falantes", concluíu.


Pola esquerda, Xosé Luís Regueira, Goretti Sanmartín, Ernesto González Seoane, Víctor F. Freixanes, Valentín García e Henrique Monteagudo. Fonte: RAG


A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín foi a primeira en salientar a aposta pola diversidade deste espazo de encontro, porque como estudantes dos cursos "Galego sen fronteiras" demostran que queren "un mundo diverso onde todas as linguas poidan exercer os seus dereitos e contribúen a "poñer fichas e crear o efecto dominó" que permita transformar a situación da lingua. "A vosa achega é absolutamente necesaria para unha lingua minorizada como a nosa (...). Unha decisión que para vós é privada é para nós fundamental, porque servirá para a internacionalización do noso idioma", expresou a vicepresidenta provincial, para quen o alumnado destes cursos contribúe tamén en ocasións a "devolvernos o orgullo de sermos galegos".

O secretario xeral de Política Lingüística subliñou igualmente a importancia na imaxe interna e internacional da cultura de noso do alumnado destes cursos que a miúdo "complementan a tarefa formativa dos nosos centros de estudos galegos no exterior". "Sodes unha parte moi importante da proxección exterior da lingua e da cultura galegas", díxolles Valentín García, que destacou igualmente o positivo que resulta "que Galicia perciba que vos interesades pola lingua e a cultura galegas, porque incide na nosa autoestima".

O director do Instituto da Lingua Galega, Xosé Luís Regueira, que foi profesor dos cursos xa na primeira edición, centrou a súa intervención noutra achega do alumnado á normalización do idioma. Moitos dos seus ex-estudantes contribúen hoxe a que o galego estea presente en universidades de todo o mundo como unha lingua e unha cultura máis e a que sexa así "unha lingua normal de investigación". "Iso tamén lle dá normalidade ao galego", indicou Xosé Luís Regueira que lembrou ademais o labor no ámbito da tradución que desenvolven moitas persoas formadas nas aulas destes cursos.

A aposta pola diversidade e a achega do alumnado á proxección do noso idioma volveu explicitarse nas palabras do vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González Seoane, encargado de pechar o acto. Estes cursos son "froito da convicción profunda de que a nosa lingua non é de propiedade particular senón unha creación colectiva dun pobo que debe ser compartida", expresou. A partir de hoxe será tamén dos alumnos e alumnas desta edición que, como os das trinta edicións anteriores, pasarán a conformar o que é "dalgún xeito o corpo diplomático da cultura galega no mundo", concluíu.


O alumnado durante o acto de inauguración. Fonte: RAG


Relatores convidados
Tras a inauguración e as probas de nivel celebradas hoxe, as clases arrincarán mañá nunha xornada na que o catedrático de Historia Contemporánea e académico de número Ramón Villares impartirá a conferencia inaugural, que versará sobre os símbolos de Galicia. A súa intervención forma parte dun programa de conferencias que, segundo explicou o codirector Henrique Monteagudo, pretende "ofrecer unha visión plural da cultura galega". O músico Mauro Sanín, os xornalistas María Obelleiro e Alberto Mancebo, a actriz e o actor de Chévere Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; a investigadora e poeta María do Cebreiro Rábade Villar; a profesora e creadora de 21 días co galego, Pilar Ponte; a xurista Alba Nogueira, o científico e divulgador Xurxo Mariño e o sociolingüista bengalí Anik Nandi son os demais convidados do programa de palestras. Desde esta tribuna achegarán ao alumnado un percorrido pola historia da música galega e distintos puntos de vista sobre a lingua de noso, desde os medios de comunicación, o ensino e o dereito ata a neurociencia. María do Cebreiro reflexionará sobre a relación entre poesía e lugar e Anxo Angueira guiará unha visita á Casa Rosalía de Castro que rematará cunha conferencia sobre a autora e un recital.

Obradoiros de baile galego e de regueifas, un roteiro pola Compostela musical ou unha excursión de fin de semana completan o programa que se desenvolverá ata o 24 de xullo. Toda a información sobre a XXXI edición dos Cursos de lingua e cultura galegas pode consultarse no blog http://cursoslinguagalega.academia.gal/.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 24 de xullo de 2018 / 11:30 h
Clausura dos XXXI Cursos de lingua e cultura galegas

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar