Os Cursos "Galego sen fronteiras" arrincan o 2 de xullo coa benvida a preto de 80 estudantes de catro continentes

O luns 2 de xullo arrinca a XXXI edición dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" dándolles a benvida a preto de 80 estudantes procedentes de vinte e catro países de Europa, América, Asia e África, e cinco comunidades autónomas do Estado español. Como é tradición, as aulas desenvolveranse en Santiago de Compostela combinando as sesións teóricas e prácticas cun programa de palestras protagonizado por mulleres e homes que destacan na cultura galega desde os seus respectivos eidos de acción, obradoiros de música e baile ou roteiros.

Alumnas da XXX edición dos Cursos de lingua e cultura galegas conversan ás portas da Facultade de Filosofía, o centro onde se impartirán as aulas. Fonte: RAG


A Real Academia Galega coorganiza os Cursos "Galego sen fronteiras" da man do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. A inauguración destes encontros terá lugar o luns 2 de xullo, ás 13:00 horas, no salón de actos da Facultade de Filosofía (praza de Mazarelos) e contará coas intervencións dos representantes de todas as institucións que participan no programa.

O alumnado desta trixésimo primeira edición procede de Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Cuba, Ecuador, Estados Unidos, México, Marrocos, Singapur, Xapón, Alemaña, Bélxica, Inglaterra, República Checa, Croacia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Rusia, Suíza e as comunidades autónomas de Andalucía, Cataluña, Madrid, Estremadura e País Vasco.

O catedrático de Historia Contemporánea e académico de número Ramón Villares impartirá o martes 3 de xullo a conferencia inaugural, que versará sobre os símbolos de Galicia. O músico Mauro Sanín, os xornalistas María Obelleiro e Alberto Mancebo, a actriz e o actor de Chévere Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; a investigadora e poeta María do Cebreiro Rábade Villar; a profesora e creadora de 21 días co galego, Pilar Ponte; a xurista Alba Nogueira, o científico e divulgador Xurxo Mariño e o sociolingüista bengalí Anik Nandi son os demais convidados do programa de palestras. Desde esta tribuna achegarán ao alumnado un percorrido pola historia da música galega e distintos puntos de vista sobre a lingua de noso, desde os medios de comunicación, o ensino e o dereito ata a neurociencia. María do Cebreiro reflexionará sobre a relación entre poesía e lugar e Anxo Angueira guiará unha visita á Casa Rosalía de Castro que rematará cunha conferencia sobre a autora e un recital.

Obradoiros de baile galego e de regueifas, un roteiro pola Compostela musical ou unha excursión de fin de semana completan o programa que se desenvolverá ata o 24 de xullo. Toda a información sobre os XXXI Cursos de lingua e cultura galegas pode consultarse no blog http://cursoslinguagalega.academia.gal/.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 16 de novembro de 2018 / 20:00 h
Charla da campaña Toponimízate en Moaña
Mércores 21 de novembro de 2018 / 16:30 h
Charla da campaña Toponimízate en Miño
Xoves 22 de novembro de 2018 / 13:00 h
Ourense: Exposición dos 150 anos da 'Gramática' de Saco Arce
Xoves 22 de novembro de 2018 / 16:30 h
Ourense: Homenaxe a Saco Arce. 150 aniversario da 'Gramática gallega'
Venres 23 de novembro de 2018 / 17:30 h
Charla da campaña Toponimízate en Parada de Sil
Martes 27 de novembro de 2018 / 13:00 h
'Toponimízate' chega a Cospeito
Martes 27 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Mércores 28 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Venres 30 de novembro de 2018 / 19:00 h
Charla da campaña Toponimízate en Cariño

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar