"Os alcumes e sobrenomes medievais son fontes de apelidos actuais"

Os alcumes protagonizan hoxe no Museo de Pontevedra a III Xornada de Onomástica Galega. O encontro, organizado pola Real Academia Galega co apoio da Deputación de Pontevedra, profundará nestes nomes non oficiais desde distintas perspectivas e tempos: a antropoloxía, os seus inicios na Idade Media, a súa fixación nos apelidos ou exemplos concretos como o do barrio pontevedrés da Moureira, ata chegar a novas formas, como os nomes escollidos polos editores da Wikipedia. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, e a coordinadora da xornada, a académica correspondente Ana Boullón, inauguraron esta mañá o encontro.

Ana Boullón, coordinadora da III Xornada de Onomástica Galega, intervén na mesa inaugural xunto ao presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal. Fonte: RAG


"Dicía Platón que nos nomes está a alma das cousas, tamén das persoas. O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega traballa moi intensamente neste eido do coñecemento, procurando ofrecer a relación máis depurada dos nomes e apelidos das persoas, para a súa identificación e estudo, con atención especial á recuperación da memoria histórica", salienta o presidente da RAG. "Nesta terceira edición das xornadas centramos os traballos nos alcumes, esoutra maneira de recoñecer as persoas, ás veces tan íntima, outras veces tan retranqueira, con connotacións sociais e antropolóxicas moi diversas. Os alcumes son una riqueza popular da que dispón Galicia, moi marcada sobre todo nas sociedades rurais, ou con forte tradición rural. Explorar este eido da lingua é viaxar tamén pola nosa historia, pola nosa memoria colectiva, mesmo ás veces pola nosa memoria máis íntima e persoal", engade Víctor F. Freixanes, que agradeceu o apoio da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra que fai posible a celebración destes encontros.

"Estes tres anos de colaboración coa Real Academia Galega, como institución científica e referencia, permítenos achegar o público xeral aos aspectos que aínda perduran da tradición lingüística en canto a toponimia e apelidos, nas anteriores edicións, e este ano no referido aos alcumes", valora o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra. "Este gran labor científico permite unha continuidade das temáticas tratadas nestas xornadas con aplicación para futuros estudos". Xosé Leal salienta que o respecto por estas cuestións está sempre de actualidade "ante as constantes deturpacións e ataques inxustificados que estamos vivindo no noso día a día".

Os alcumes comparten cos apelidos a fixación familiar e a transmisión interxeracional, pero o seu carácter extraoficial dificulta compilalos, explica Ana Boullón. Non aparecen nos rexistros civís nin nos eclesiásticos, e nos textos escritos só adoitan facerse un oco na literatura ou nas necrolóxicas dos xornais. "E, con todo, constitúen unha forma de designación das persoas aínda moi viva en determinados lugares, especialmente vilegos e rurais. Son de enorme interese lingüístico e antropolóxico, o que demostra, entre outras cousas, a gran creatividade popular. É o caso, por exemplo, de compostos como O Pito Bebendo, O Sinqueixo, O Aisí ou o Benfaladiño, expón a académica correspondente.

Do barrio da Moureira a dúas aldeas de Lalín
Tras a sesión inaugural, o profesor Xoán Carlos García Porral ofreceu unha ollada antropolóxica e presentou un traballo de campo realizado en dúas aldeas do rural de Lalín no que se identifican e analizan parte dos nomes cos que son denominadas 55 casas e os alcumes que definen a algún dos seus moradores ou a familia en xeral. Aínda que non son algo exclusivo do rural, "nas sociedades tradicionais e campesiñas tanto os alcumes como os nomes das casas son mellores definidores ca os nomes e apelidos", explica. "No rural galego a xente noméase polo nome da casa. A pregunta e logo de que casa es? é tradicional entre a xente das aldeas. Vivir baixo o paraugas dunha casa con nome é o primeiro elemento identitario dunha persoa ante o resto da sociedade", engade.

Os espazos que analizou o antropólogo serven de exemplo das orixes e dos significados habituais dos alcumes e nomes de casas: nomes propios dalgúns dos seu moradores (A de Mensamino, Paulos), topónimos, o aspecto físico (O Longo, Tripón, Chaval), o carácter (O Minuto), profesións ou nomes de animais, entre outros.

Rosario Soto Arias detívose deseguido nos alcumes e sobrenomes na Galicia medieval. A profesora, e membro da Asociación Galega de Onomástica (AGOn), analizou máis de 1.300 tirados sobre todo de dous corpus, o Xelmírez e o Codolga. Ademais de indagar na súa orixe e no seu significado, profundou en dous fenómenos característicos importantes: "os alcumes e sobrenomes hérdanse e son fonte de apelidos actuais, entre eles algúns tan comúns como Fariña, Ferreiro ou Pardo". "A lingua medieval espellada nos sobrenomes e alcumes é unha enerxía creadora en fase de rica xeracións de formas. Algunhas callarán e outras desaparecerán", sinala Rosario Soto.

Os apelidos tamén centraron a conferencia da académica correspondente Luz Méndez, quen incide igualmente na antigüidade da fixación dos sobrenomes como apelidos. "Moitos destes sobrenomes, coma Calvo, Bo, Corvo ou Amigo, xa están datados en textos en latín, escritos en Galicia, nos séculos X e XI e, polo tanto, levan connosco desde o principio da lingua", conta.

O público puido ademais coñecer o proxecto colaborativo desenvolvido no IES Sánchez Cantón de Pontevedra baseado no barrio da Moureira. "O obxectivo principal foi espertar no alumnado o interese polo léxico da súa lingua e recuperar a memoria da cidade e do seu barrio a través da investigación sobre os alcumes", resume a profesora Anxos Rial. A iniciativa permitiulles ademais aos mozos e mozas aprenderen a "valorar e recoñecer a aquelas persoas de idade que son as depositarias do coñecemento e das raíces do seu propio idioma no seu emprego cotián, na vida familiar e na relación social coa súa veciñanza".


Intervenientes na III Xornada de Onomástica Galega. Fonte: RAG


O programa da mañá contou tamén coa achega de Lidia Gómez, que ofreceu unha aproximación á clasificación lingüística dos alcumes en Galicia. A tarde arrincará, a partir das 16:30 horas, co relatorio de David Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Cedeira, que ofrecerá un relatorio sobre os chamados ditados tópicos, os alcumes colectivos dados aos habitantes dunha localidade no seu conxunto, tamén chamados xentilicios festivos.

O alcume como xentilicio: dos ‘zapateiros' de Noia aos ‘carrachentos'
A intervención de David Rodríguez baséase no Portal de ditados tópicos galegos, unha base de datos con máis de 1.500 alcumes colectivos creada a partir do convenio asinado entre o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Camilo José Cela para aproveitar os materiais galegos dun ambicioso proxecto do premio Nobel, a redacción do Diccionario geográfico popular de España, que acometeu coa colaboración de carteiros de todo o Estado. "A comezos de 1971, enviou ás xefaturas de Correos, para o seu reparto entre os carteiros, máis de 25.000 enquisas en que solicitaba información sobre ditados tópicos das localidades que servían ou doutras veciñas. Pero esta cantidade inxente de datos quedou inédita na súa maior parte", recorda o filólogo.

O Portal de ditados tópicos galegos ofrece dixitalizadas e transcritas máis de 1.200 fichas que constitúen unha rica fonte para o estudo dos alcumes colectivos. "Nesta base de datos rexístranse ata 1.772 formas, que son a un tempo alcumes e xentilicios. Van desde o máis descritivo, como os zapateiros, os veciños de Noia, polo oficio, ata o máis despectivo, como os carrachentos para se referir aos de San Breixo de Oza, parece que só para "ofender", pon como exemplo David Rodríguez.

O último relatorio da tarde estará dedicado aos nomes que se asignan a si mesmas as persoas editoras da Wikipedia. Adrián Estévez Iglesias, da Fundación Otero Pedrayo, falará destes novos nomes, que permiten identificarse ante unha comunidade de usuarios e, ao mesmo tempo, manter a miúdo o anonimato. "Antropónimos, topónimos, datas, oficios ou afeccións son algúns dos motivos que se esconden detrás destes sobrenomes, algúns deles transparentes e outros máis escuros", resume.

Unha mesa redonda sobre perspectivas multidisciplinares no estudo da onomástica poralle o ramo á xornada a partir das 18:00 horas. Nesta última sesión amosaranse as posibilidades que os topónimos ofrecen no estudo de campos tan diversos como a literatura ou a botánica. O catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro achegarase á toponimia pondaliana; Jaime Fagúndez, investigador da mesma universidade, abordará o valor dos fitotopónimos para os estudos botánicos; e José Carlos Sánchez Pardo e Marcos Fernández Ferreiro, da Universidade de Santiago de Compostela, falarán sobre a importancia da identificación e xeorreferenciación dos topónimos altomedievais.

As sesións son presentadas polos membros do Seminario de Onomástica da RAG Xesús Ferro, Antón Palacio, Gonzalo Navaza e a propia coordinadora do programa, Ana Boullón.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 16 de novembro de 2018 / 20:00 h
Charla da campaña Toponimízate en Moaña
Mércores 21 de novembro de 2018 / 16:30 h
Charla da campaña Toponimízate en Miño
Xoves 22 de novembro de 2018 / 13:00 h
Ourense: Exposición dos 150 anos da 'Gramática' de Saco Arce
Xoves 22 de novembro de 2018 / 16:30 h
Ourense: Homenaxe a Saco Arce. 150 aniversario da 'Gramática gallega'
Venres 23 de novembro de 2018 / 17:30 h
Charla da campaña Toponimízate en Parada de Sil
Martes 27 de novembro de 2018 / 13:00 h
'Toponimízate' chega a Cospeito
Martes 27 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Mércores 28 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Venres 30 de novembro de 2018 / 19:00 h
Charla da campaña Toponimízate en Cariño

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar