O Pleno da Real Academia Galega nomea a María Rosa Lojo membro de honra

O Pleno da Real Academia Galega nomeou hoxe a María Rosa Lojo (Buenos Aires, 1954) membro de honra. Filla de pai galego e nai castelá, é autora dunha ampla produción como experta en literatura e dunha destacada obra creativa que a converteu nunha das escritoras arxentinas máis internacionais. En ambos os campos a súa é unha voz profundamente vencellada a Galicia. A emigración e o exilio son constantes por igual nos seus textos autobiográficos e de ficción e nos ensaios de investigación, á procura da restauración do legado galego no imaxinario arxentino como imprescindible elemento fundador da súa nacionalidade. Con este obxectivo desenvolve tamén unha tarefa de divulgación constante entre a colectividade galega en Arxentina e en foros especializados internacionais.
Maria Rosa Lojo
María Rosa Lojo. Autora: Sara Facio

María Rosa Lojo, doutora en Letras pola Universidade de Buenos Aires, foi investigadora principal do Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas de Arxentina (Conicet) e na actualidade é directora do Centro de Estudos Críticos de Literatura Arxentina na Facultade de Filosofía, Letras e Estudos Orientais da Universidade do Salvador, na capital porteña. Dende 2015 é membro correspondente da Academia Norteamericana da Lingua Española e dende 2017 pertence ao consello de administración da Fundación Sur. A súa obra literaria foi traducida a distintos idiomas e mereceu galardóns como o Premio de Poesía da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires (1984), o do Instituto Literario e Cultural Hispánico de California (1999), o Premio á traxectoria en Literatura da asociación Artistas Premiados Arxentinos ou o Gran Premio de Honra 2018 da Sociedade Arxentina de Escritores, que recibiu por primeira vez en 1944 Jorge Luis Borges.

A autora recoñece a influencia que na súa literatura exerceron especialmente as lecturas de Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro, pero antes de que iso acontecese xa atopara nos relatos orais do pai un elemento de identificación que compara ao que na cultura dos mapuches e ranqueis, os pobos orixinarios do centro e do sur de Arxentina, representa o chamado "canto de linaxe". Ela mesma ten apuntado que pode ser considerada a autora contemporánea do seu país "onde a marca galega é máis profunda e perceptible, en extensión e intensidade". Unha pegada que aparece dende a súa primeira novela, Canción perdida en Buenos Aires al Oeste (1987) ata a última, Solo queda saltar (2018), pasando por Finisterre, traducida ao galego como A fin da terra (2006), Árbol de familia (2010) e Todos éramos hijos (2014). Outro exemplo é o álbum ilustrado O libro das Seniguais e do único Senigual, publicado orixinalmente en 2010 en galego e vertido seis anos despois ao castelán.

Moitas das publicacións científicas de María Rosa Lojo abordan tamén especificamente a cuestión galega, deténdose na emigración, o exilio e os espazos simbólicos e a súa influencia na identidade arxentina. As súas achegas abranguen, entre outros temas, o estudo dos estereotipos galegos no seu país natal e as súas transformacións, abordadas no libro Los ‘gallegos' en el imaginario argentino. Literatura, sainete, prensa (2008); ou os aspectos autoficcionais da súa propia obra, temas todos eles tratados tamén en encontros internacionais nos que contribúe ao coñecemento da cultura galega.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán 2020


Toda a información
nesta páxina

 

Cuberta do Boletín 379

Boletín da Real Academia Galega
nº 379

 

Cadernos de Lingua
nº 37

 

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego
(23ª ed.)

 

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

 

Hemeroteca Virtual
Galicia nas páxinas dos seus xornais.