O plenario da Academia Brasileira de Letras ábrelle as portas á RAG

O plenario da Academia Brasileira de Letras (ABL), presidido por Marco Lucchesi, e a directiva da institución recibiron solemnemente na súa sede os representantes da Real Academia Galega que visitan estes días distintas universidades e institucións culturais da capital carioca. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o secretario e coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo, e a directora da Sección de Lingua, Rosario Álvarez Blanco, devolveron desta xeito a visita que realizou o pasado mes de xaneiro á Real Academia Galega Marco Lucchesi, onde ambas as institucións asinaron un acordo de amizade e colaboración. O profesor Lucchesi reafirmou o interese en establecer contactos entre as dúas academias irmás, liñas de colaboración e traballos na procura dun maior coñecemento mutuo das dúas literaturas. Víctor F. Freixanes foi convidado a tomar a palabra ante o plenario e coincidiu na necesidade de achegar ambas as culturas, "porque o que non se coñece non se ama" e as literaturas galega e brasileira, "agás contadas e meritorias excepcións, viviron demasiado tempo sen apenas saber unha da outras", salientou.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, intervén no pleno da Academia Brasileira de Letras. Ao fondo, Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo. Fonte: ABL


Na xuntanza, celebrada o xoves pola tarde hora local, interveu ademais, en nome dos académicos brasileiros e na súa condición de membro de honra da RAG, a escritora galego-brasileira Nélida Piñon, quen lembrou as súas raíces e a importancia da emigración galega no Brasil. "Hoxe é o día dos galegos e un día grande para min. Síntome galega e brasileira. Formo parte da literatura brasileira, pero o meu corazón, a memoria dos meus pais e as lembranzas da miña infancia, que son as que en gran parte explican a miña visión do mundo, están en Galicia, nunha aldea galega. É imposible entender Brasil sen os galegos", expresou.

Marco Lucchesi celebrou un encontro que, explicou, ten algo de histórico, pois os plenos da ABL adoitan celebrarse a porta pechada e só se permite o acceso aos seus membros. "Mais a cultura une os pobos, e o pobo galego e o pobo brasileiro, mesmo as súas linguas, teñen lazos comúns de identidade que cómpre apertar", destacou.

Dúas linguas irmás
Víctor F. Freixanes insistiu na mensaxe xa expresada nas súas intervencións desta semana na Universidade Federal de Rio de Janeiro e na Fluminense de Niterói: "Estamos aquí para reafirmar a cultura e a lingua galegas no amplo mundo da lingua e da cultura portuguesa no Brasil, dende a institución que historicamente representa o idioma galego, a súa pervivencia e a súa modernidade. Estamos aquí para lembrar, asemade, que en Galicia están as orixes da grande irmandade galego-luso-brasileira". A mesma idea repetiron os académicos Nélida Piñón e Marco Lucchesi: "Galicia e a lingua galega están no principio de todos nós".

Antes da sesión plenaria, os membros da RAG tamén participaron no tradicional "chá dos académicos" que a Academia Brasileira celebra todos os xoves a primeira hora da tarde, e na inauguración tras a súa restauración da Biblioteca da ABL, unha das grandes institucións culturais de Río.

Entre os agasallos que se intercambiaron, Víctor F. Freixanes entregoulle ao presidente da Academia Brasileira de Letras unha medalla conmemorativa do centenario da institución da Real Academia Galega.


Pola esquerda,o expresidente da ABL Geraldo Holanda Cavalcanti, o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, a directora da Sección de Lingua da RAG, Rosario Álvarez, a académica da ABL e académica de honra da RAG Nélida Piñon e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na reapertura da biblioteca da Academia Brasileira de Letras. Fonte: ABL

 


O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, posa, amosando a medalla conmemorativa do centenario da Real Academia Galega, co presidente da Academia Brasileira de Letras, Marco Lucchesi. Sentados, o secretario xeral da ABL, Merval Pereira, e a escritora galego-brasileira Nélida Piñon, académica da ABL e académica de honra da RAG. Fonte: ABL
Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete