O nacemento de Árbore e a aventura da María Victoria Moreno editora

O 16 de xuño de 1988 presentábase no Teatro García Barbón de Vigo Árbore, a colección de literatura infantil e xuvenil (LIX) de Galaxia. No agromar daquela nova aventura para o mundo do libro en galego participou desde o principio, canda David Otero e Antonio García Tejeiro, María Victoria Moreno, tras recibiren os tres a proposta de Carlos Casares para codirixilo. Corenta anos despois, os dous compañeiros da protagonista do vindeiro Día das Letras Galegas lembran o coidado que puña como editora nesta andaina enriquecedora para todo o equipo, e tamén para a cultura galega. "Foi unha experiencia marabillosa, das máis fermosas da miña vida. Entre nós fraguouse unha grande amizade e hoxe non se pode concibir a historia da LIX galega sen Árbore", salienta García Teijeiro. Nesta colección saíron do prelo algúns dos grandes éxitos da LIX galega, entre eles unha obra central de María Victoria Moreno, Anagnórise, e traducións da súa autoría como a de Mecanoscrito da segunda orixe de Manuel de Pedrolo.

María Víctoria Moreno, Antonio García Teijeiro e David Otero compartiron moitos momentos nos anos en que codirixiron Árbore alén do seu traballo como editores.Nesta imaxe, a escritora rrecita 'Versos de auga' na presentación do libro de Antonio García Teijeiro na libraría Bertrand de Vigo (1989). Ao seu carón,o autor, Marián Priego e o responsable da libraría. Fonte: Cortesía de Antonio García Teijeiro


Cando a finais dos anos 80 Carlos Casares decidiu poñer en marcha unha colección de LIX dentro da editorial que dirixía, xa existía algún proxecto co mesmo público obxectivo no ecosistema do libro galego, pero perduraba a necesidade de iniciativas destinadas ao público novo, sobre todo en "dous banzos importantísimos": por unha banda, o dos primeiros lectores e lectoras e, por outra, o xuvenil, sinala David Otero. Árbore integrou estes elos e os intermedios nunha mesma colección na que, identificados con distintas cores, se presentaban os títulos recomendados por tramos de idade, seguindo unha idea e un formato nos que tamén foron esenciais as achegas de Pilar Sampil e Manuel Janeiro no labor de deseño, apuntan Otero e García Teijeiro.

David Otero
Fonte: arquivo persoal

Desde o principio, os tres codirectores entenderon a idea que buscaba Galaxia: potenciar os autores e autoras galegos nun momento en que o libro infantil e xuvenil na lingua propia se nutría en boa medida de verter ao galego outros autores e autoras do resto do Estado español e europeos de prestixio. "Queriamos ter o mellor en Árbore", resume Antonio García Teijeiro. "Máis que descubrir carreiras, buscabamos xente de calidade. Recordo, por exemplo, que Paco Martín, que xa gañara o premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, publicou connosco Lembranza nova de vellos mesteres, ou o primeiro libro de Alberto Avendaño, O gato metido nun saco, e Anagnórise, da propia María Victoria, que é un libro de referencia", repasa. El mesmo, Premio Nacional de LIX en 2017, publicou nesta colección o seu primeiro libro de narrativa, A chave dos soños, e tamén viron a luz neste selo outros de David Otero.

Anagnórise foi un dos libros presentados aquel 16 de xuño de 1988 en Vigo. Inauguraba a liña salmón de Árbore, a dedicada áo público xuvenil, con grande éxito: entre 1988 e 2004 chegou ás 16 reimpresións. María Victoria Moreno foi tamén a autora doutro volume emblemático desta colección, con outras 16 reimpresións: Mecanoscrito da segunda orixe de Manuel de Pedrolo, que verteu ao galego desde o catalán, unha das linguas que dominaba tras estudar bacharelato en Barcelona e licenciarse en Filoloxía Románica. "Foi un traballo de tradución realmente extraordinario", valora David Otero.

Antonio García Teijeiro
Fonte: AELG

Os ollos do dragón de María Ángels Gardella, As mazás da prosperidade de Hans Christian Andersen e Isto que ves é o mar de Gabriel Janer Manila tamén dan conta nesta etapa do bo traballo de María Victoria Moreno como tradutora, pero o cometido fundamental do equipo directivo de Árbore consistía na lectura e valoración dos orixinais sobre os que despois discutían. "As xuntanzas que tiñamos para decidir que había que publicar ou non desenvolvíanse nun ambiente de moi boa sintonía, nunca houbo un choque, cada un defendía as súas posturas desde o punto de vista literario", asegura Antonio García Teijeiro. "Os criterios de María Victoria eran moi ben aceptados polos demais, porque realmente tiña un olfacto lector especial, tiña moi claro o que debía ser a literatura para nenos e nenas, mozos e mozas. Ela primaba, evidentemente, que houbese unha boa historia, pero sobre todo a pulcritude lingüística e a calidade literaria", engade.

David Otero destaca igualmente o "rigorosa" que era María Victoria Moreno como editora coa corrección lingüística e engade dous trazos da súa personalidade que deixaron pegada no labor á fronte de Árbore. "Non era só profesora, era unha ensinante global, a súa esencia de educadora estaba en todos os sitios. Como ela dicía, o seu corazón florecía nas aulas, vivía o ensino, o ensino público, como unha vocación e unha maneira importante de crear sociedade". De igual xeito, a María Victoria Moreno editora foi unha prolongación da muller comprometida coa lingua e a cultura galegas e, "en definitiva, con Galicia", a terra que fixo súa tras se establecer en Pontevedra en 1963. "Gustáballe ser moi respectuosa cos contextos galegos, pero tamén cos doutras culturas: a do catalá, o éuscaro, alemán, portugués, español... Neste aspecto, tiña unha militancia no orgullo de ser", sentencia.


María Victoria Moreno cos fillos de Antonio García Teijeiro, Antón e Noa, a finais do anos 80. Autor: A. García Teijeiro


Tampouco descoidou María Victoria Moreno a animación á lectura, unha faceta na que se implicaron parte dos autores e autoras galegos nos primeiros anos 80, ata o punto de que algúns pasaron a se centrar nesta faceta máis ca na escrita, conta David Otero. "Ela estaba nun punto intermedio", acudía aos centros de ensino e participaba en encontros que sentaron os alicerces dos clubs de lectura de hoxe en día. "Estaba moi preocupada polos medios que se poñían neste eido e transmitía o seu gusto pola lectura, para un consumo a gusto de todos os lectores e lectoras", detalla o compañeiro, que compartiu con ela visitas a colexios e institutos, xornadas e congresos. Mesmo chegaron a poñer en marcha un proxecto que consistiu en ir plantando árbores con nomes de libros nos centros educativos: a de Anagnórise, a d'O coche de carreiras Rudi fuciños...

O labor teimudo de María Victoria Moreno foi, en definitiva, xunto aos dos seus colegas de andaina, un piar importante no desenvolvemento que coñeceu o mundo do libro infantil e xuvenil galego nos últimos anos 80 e ao longo da década dos 90, guiado por unha filosofía, subliña David Otero, que nunca foi a da competencia empresarial. "Viamos a necesidade de integrar todas as partes nun proxecto común que era a LIX en Galicia". "Penso que non se pode concibir a historia da nosa LIX sen esta colección, é unha referencia indispensable. Árbore e Merlín (Xerais) fixeron moitísimo para que a literatura galega dedicada a mozos e mozas, nenos e nenas, tivese a importancia que hoxe ten", conclúe Antonio García Teijeiro.

Árbore segue a ser hoxe a marca de Galaxia para o público infantil, mentres que os títulos xuvenís saen do prelo na colección Costa Oeste. A primeira mantén no seu catálogo tres títulos de María Victoria -E haberá tirón de orellas?, A festa no faiado e Leonardo e os fontaneiros- e Costa Oeste acubilla Anagnórise e Guedellas de seda e liño.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 20 de outubro de 2018 / 9:30 h
III Xornada de Onomástica Galega: Os alcumes
Martes 23 de outubro de 2018 / 19:00 h
Conferencia de Carlos Núñez: O éxito da "marca celta" e a súa profundidade
Mércores 24 de outubro de 2018 / 19:00 h
Presentación do novo número da revista da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán
Martes 27 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Mércores 28 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar