O Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo premia a Henrique Monteagudo

O secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, acaba de ser distinguido co Premio Rosa dos Ventos, creado polo Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo para recoñecer cada curso unha persoa ou institución que se destaque pola súa contribución á cultura galega e pola defensa e valoración do labor que desenvolve o centro porteño. Este galardón ten un significado especial, xa que é o propio alumnado de quinto de bacharelato o que escolle a persoa que o recibe mediante unha votación na aula.

Nunha carta manuscrita remitida a Henrique Monteagudo, os alumnos e as alumnas que decidiron o premio salientan do secretario da RAG "o compromiso que mostra nas actuacións públicas en defensa da identidade de Galicia e o seu traballo constante dende o ámbito académico e docente na defensa do noso patrimonio cultural". Tamén lle agradecen o vínculo que mantén coa realidade da Galicia emigrante en xeral "e coa nosa particular dende esoutra beira do Atlántico". "As atencións que sempre nos dispensa cando viaxamos a Galicia e os seus valores persoais nos que mestura espírito crítico con ansias construtivas son, entre outros, argumentos polos que desexamos que esta Rosa dos Ventos 2016 leve o seu nome", engade a misiva.

Monteagudo agradeceu hoxe a concesión dunha distinción "que honra moito e que obriga moito máis aínda", e da que salienta a súa orixe. "Vén do pasado (dunha longa memoria), pero sobre todo vén do porvir, do futuro que representa esa mocidade galego-arxentina", apuntou o sociolingüista, profesor da Universidade de Santiago de Compostela.

O Premio Rosa dos Ventos foi creado hai cinco anos. En anteriores edicións tamén foron galardoados os académicos Víctor Freixanes (2012) e Manuel Rivas (2014).

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete