O Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo celebra a Carvalho Calero dende o confinamento

O das Letras Galegas é sempre un día grande no Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo. O centro educativo porteño, dirixido polo académico correspondente Carlos Brandeiro, pechou as portas por mor do coronavirus pouco despois de comezar o novo curso escolar, pero Ricardo Carvalho Calero non quedou sen homenaxe. As profesoras Marta Villar e Alejandra Lorenzo concibiron e dirixiron dende o confinamento o tradicional acto protagonizado polo alumnado que desta volta se converteu en virtual. Os mozos e mozas participantes gravaron cos seus teléfonos móbiles as distintas partes da función dixital, que conclúe cun videoclip que converte en canción a ritmo de trap o poema de Carvalho Calero "Teño unha dor". O resultado, que pode verse nas redes sociais do colexio (nesta ligazón), foi unha experiencia enriquecedora para o alumnado e está a ser moi ben recibido pola comunidade galega en Arxentina, salientan as docentes por videochamada.

Marta Villar, profesora de galego no colexio bonaerense, foi a encargada de procurar toda a documentación que serviu de base para o guión do espectáculo, que inclúe recitados da obra do autor homenaxeado e un concurso de preguntas e respostas sobre a súa vida e legado intelectual. "O confinamento sorprendeunos e tiven que botar man dos recursos dispoñibles en Internet. Fun seleccionando fragmentos da súa obra pensando no que pode motivar os alumnos e alumnas a seguir despois lendo o autor. Cando é boa, gozan da literatura", expresa.

Entre os versos escolmados, destacan os de "Teño unha dor", a composición convertida en canción de peche. "Pareceunos que podían reflectir bastante ben o que os alumnos e alumnas poden estar sentindo durante o confinamento", engade Marta Villar. Da melodía encargouse Alejandra Lorenzo, profesora de plástica e de obradoiros de comedia musical."Inventeina a partir dunha base libre de trap, pensando en algo que lles gustase, e logo as mozas que participan no videoclip, que están máis preto deste xénero, fixeron os coros. Elas íanme mandando cadanseu audio e logo editábaos eu dende a miña casa. Foi todo moi caseiro", detalla.


Marta Villar e Alejandra Lorenzo nun momento da videochamada


A música e a interpretación dramática nunca faltan nos espectáculos do Día das Letras Galegas do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo, pero desta volta o reto de integrar estas dúas linguaxes dende a virtualidade foi meirande ca nunca. "O máis difícil foi acadar que os personaxes interactuasen. Cando Marta me pasou o primeiro guión dixen: ‘isto véxoo complicado!'. Pero os nosos alumnos están moi afeitos, fan teatro dende cativos, e parece que ensaiaron xuntos, cando nin sequera puideron escoitarse uns aos outros. E así e todo, as conversas soan reais", valora Alejandra.

A experiencia serviu para achegar os estudantes á figura de Carvalho Calero pero non só iso. "Para eles, nestas circunstancias de estaren pechados, foi como algo de aire fresco", coinciden as docentes. O esforzo tamén pagou a pena para elas: "Ter que limitarse á docencia virtual ten unha parte negativa, pero por outra banda é unha grande oportunidade de aprender novas formas de chegar ao alumnado e de deseñar materiais. Todo o que estamos a aprender agora seguramente seguirá a ser útil cando volvamos á normalidade".

Parte do alumnado do colexio procede de familias galegas, pero outro ten orixes moi diferentes. A cultura de Galicia está sempre presente para todos eles. "Temos moita diversidade cultural e tratamos de transmitir o respecto e o amor pola cultura galega e polas diferentes culturas do mundo. Aínda que non teñan raíces galegas, os alumnos e alumnas acaban querendo a cultura de Galicia", conclúen.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete