O IES de Foz gaña I Certame Escolar de Podcasts Xosé Mosquera

Antonio Fraguas foi o protagonista do I Certame Escolar Internacional de Podcast en Galego Xosé Mosquera. O xurado premiou, entre case 40 traballos finalistas, o presentado polo alumnado do IES de Foz baixo o título Antón Fraguas en directo. O IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas foi distinguido cun accésit e o CEIP Nicolás del Río de Cedeira mereceu unha mención especial. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes participou na entrega dos galardóns, celebrada no Museo do Pobo Galego, no mesmo edificio onde naceu Radio Galicia. Tanto Xosé Mosquera, o Vello dos Contos, como o propio Fraguas, quen lle puxo voz á primeira emisión radiofónica de Galicia en xaneiro de 1933, colaboraron coa emisora decana do país facendo oír as súas voces o galego.

Alumnado dos centros escolares que participaron no certame, no acto de entrega dos premios, celebrado no Museo do Pobo Galego. Fonte: Arraianos Producións


O concurso de podcast Xosé Mosquera foi promovido polo IES Rosalía de Castro e Arraianos Producións, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Real Academia Galega, a Fundación Antonio Fraguas, a Radio Galega, o colectivo Ponte nas Ondas, a Fundación Rosalía de Castro e a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo.

A entrega dos premios contou coa participación de Dolores Mosquera, filla de Xosé Mosquera, quen nos anos 30 do século pasado deu vida ao popular personaxe do Vello dos Contos. Mosquera era amigo persoal do protagonista do Día das Letras Galegas de 2019, Antonio Fraguas, con que compartiu experiencias de teatro radiofónico. Fraguas foi ademais quen inaugurou as emisións da radio decana do país, Radio Galicia, o 15 de xaneiro de 1933, cunha lectura de versos daquela inéditos de Bouza Brey.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete