O IES de Cotobade constitúe unha nova Sociedade da Lingua para defender o futuro do idioma

Sendo aínda estudante de bacharelato en Pontevedra, Antonio Fraguas fundou en abril de 1924, canda outros compañeiros, a Sociedade da Lingua. A iniciativa plasmaba por primeira vez sobre o papel o seu compromiso co idioma propio, a lingua que aprendera no seu Cotobade natal e que mantería toda a vida. Noventa e cinco anos despois, o instituto da localidade rendeulle homenaxe o pasado sábado constituíndo simbolicamente unha nova Sociedade da Lingua. No acto alumnos e alumnas do centro presentaron o manifesto Desde Cotobade para o mundo, no que reivindican medidas para frear a perda da transmisión interxeracional do galego.
Alumnado, profesorado,familias e representantes de distintas institucións participaron na homenaxe a Fraguas do instituto do seu concello natal. Fonte: IES de Cotobade 


No manifesto, o alumnado e as institucións asinantes animan os pais e nais cotobadeses, da comarca e de Galicia enteira a a empregar o galego como primeira lingua cos seus fillos e fillas, convidan a que todo tipo de organizacións e colectivos fagan tamén do galego a súa lingua de uso habitual e instan os demais centros educativos de Galicia a que leven adiante iniciativas semellantes. 

A académica de número Fina Casalderrey interveu na celebración en representación da Real Academia Galega. Tamén tomaron a palabra Antón Santamarina, en representación do Museo do Pobo Galego, e Francisco San Xiao, en nome da Fundación Antonio Fraguas Fraguas. Pechou o acto o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela. Todos os asistentes asinaron no libro da constitución da nova Sociedade da Lingua e recibiron unha insignia inspirada no debuxo que acompañaba o documento das Regras e preceutos da creada en 1924.

A homenaxe incluíu ademais a inauguración dun mural xigante, na fachada do centro, coa imaxe de Antonio Fraguas formada por topónimos de Cotobade, a proxección dun audiovisual que conta a influencia que tiveron os mestres na vida de Antonio Fraguas e a representación por parte do alumnado, a xeito de romance de cego, da historia de Florentina, a moza de Loureiro de Cotobade que morreu de amor en 1857. Tras coñecer a súa historia a través de Fraguas, Castelao dedicoulle o segundo do libro de Cousas.

Fina Casalderrey asina en representación da Real Academia no libro de constitución da nova Sociedade da Lingua. Fonte: IES de Cotobade
Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Luns 27 de maio de 2019 / 18:00 h
Entrega dos premios do II Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán 2019


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar