O I Premio Mondoñedo 10 elixe 'Os libros arden mal' como mellor novela da década

O escritor Manuel Rivas Barrós, membro de número da Real Academia Galega, é o gañador do I Premio Mondoñedo 10. O galardón distingue como a mellor da década en lingua galega a súa novela Os libros arden mal, obra que segundo o xurado está chamada "a ser de referencia na historia da literatura galega". O Premio Mondoñedo 10 recoñecerá cada ano o mellor traballo da década nunha modalidade creativa, ata completar un ciclo de dez que acaba de empezar coa narrativa.
Manuel Rivas na entrega do Premio Mondoñedo 10.
Imaxe cortesía da organización.

O xurado salienta a "ambición literaria extraordinaria" dunha obra que foi un desafío para o autor pero que tamén demanda "unha lectura esixente ao público receptor". "Os libros arden mal é ademais unha novela que aborda o tema da memoria do 36 dende unha perspectiva plural, dinámica e nova, tanto no contexto galego como hispánico, legándonos para o noso patrimonio literario personaxes e episodios inmorredoiros. A diversidade de rexistros manexados polo autor (lírico, épico, ensaístico...) fai desta novela un texto chamado a ser de referencia na historia da literatura galega", detalla.

Como finalistas do premio, fallado e entregado o pasado domingo en Mondoñedo, chegaron tamén as novelas Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño; Cabalo de ouros, do tamén académico Víctor Freixanes; Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz; O Club da calceta, de María Reimóndez; e Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello.

O galardón foi creado pola asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É e o Concello de Mondoñedo. Nesta primeira edición o xurado estivo presidido por Antonio Reigosa, cronista oficial desta localidade luguesa, e en representación da Real Academia Galega, participou como vocal o secretario da institución, Henrique Monteagudo. Tamén actuaron como vocais Dolores Vilavedra, Cesáreo Sánchez Iglesias, Luís González Tosar, María Xesús Gómez, Pilar Rodríguez Álvarez e Armando Requeixo. Fran Bouso, designando pola organización, foi o secretario.

Nas vindeiras edicións de Mondoñedo 10 premiaranse as mellores obras en poesía, teatro, ensaio ou historia, música, plástica, artes visuais, tradución e xornalismo cultural, así como a mellor persoa, proxecto, colectivo ou institución do eido cultural galego.


Manuel Rivas, terceiro pola esquerda, posa con membros do xurado e da organización do premio. Imaxe cortesía da organización de Mondoñedo 10
Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete