O gramático Saco Arce e o poeta Antonio Fernández Morales abren a colección Anexos BRAG

A nova colección Anexos BRAG da Real Academia Galega botou a andar coa saída do prelo dos primeiros dous volumes, dedicados a Juan Antonio Saco Arce, pai da primeira gramática científica do galego, e ás cartas a Mariano Cubí de Antonio Fernández Morales, poeta inaugural do Rexurdimento das letras galegas no Bierzo. Os dous volumes poden consultarse en versión dixital de acceso libre na sección de publicacións de academia.gal.

Retratos de Saco Arce (esquerda) e Fernández Morales que ilustran as cubertas dos dous primeiros números da colección Anexos BRAG


A colección Anexos BRAG, apoiada pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, ten como obxectivo a publicación tanto monografías que teñen a súa orixe nun ou varios artigos do Boletín da Real Academia Galega –ben para poder ampliar o seu contido, ben para recoller series publicadas ao longo de varios números– como traballos que pola relevancia e orixinalidade da súa temática e pola súa extensión merezan unha edición exenta.

O número 1, Gramáticos e Gramáticas. Homenaxe a Juan Antonio Saco Arce, recolle os traballos presentados na xornada organizada polo Seminario de Gramática da Real Academia Galega co gallo do 150 aniversario da publicación da Gramática Gallega de Saco Arce (Toén, 1835 – Ourense, 1881), celebrada en novembro de 2018 na capital ourensá. "Os lingüistas afirmamos con frecuencia que a Gramática gallega de Saco Arce (1868) é a primeira gramática galega elaborada con criterios científicos e tamén hai consenso sobre o feito de que se trata dunha boa gramática, un milagre na Galicia do seu tempo", salienta no limiar a coordinadora do Seminario de Gramática, Rosario Álvarez, responsable da edición.

Juan L. Saco Cid, Teresa López, Francisco Dubert García, Xosé A. Fernández Salgado, Xurxo Martínez González, o académico correspondente Ernesto González Seoane e o académico de número Antón Santamarina asinan as sete contribucións do volume, que achega ao público a figura e a obra do lingüista ourensán.

O segundo volume de Anexos BRAG, Cartas e composiciois autógrafas de Antonio Fernández Morales a Mariano Cubí, ofrece a transcrición e a reprodución facsimilar das cartas que o poeta berciano dirixiu ao filólogo catalán no ano 1847. O académico correspondente Héctor M. Silveiro salienta no limiar da edición ao seu cargo a importancia destas misivas para a lingua e a literatura galega contemporáneas "por teren estes documentos escritos un carácter inaugural ou primordial". Os textos de Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817- Cacabelos, 1896) encádranse, de feito, entre os primeiros documentos coñecidos do proceso de recuperación da escrita en idioma galego e "presentan ademais a singularidade de estar escritos no galego do Bierzo", apunta.


> Detalle da reprodución facsimilar, no nº 2 de Anexos BRAG, dos versos de Antonio Fernández Morales dedicados a Mariano Cubí, enviados ao filólogo nunha carta do 4 de setembro de 1847. Fonte: legado de José M.ª Luengo ao Museo do Bierzo


Dende o punto de vista literario, teñen igualmente un valor innegable, xa que inclúen os primeiros poemas que Fernández Morales escribiu en galego, animado precisamente por Mariano Cubí. Os versos serían o xermolo dos Ensayos poéticos en dialecto berciano (1861), obra fundacional da literatura galega no Bierzo editada dou anos antes que os Cantares gallegos de Rosalía.

Este legado documental, custodiado no Museo do Bierzo, permaneceu no esquecemento ata que foi divulgado no ano 2017, cadrando co bicentenario do nacemento do autor, efeméride que a Real Academia Galega celebrou na súa terra natal da man do Instituto de Estudios Bercianos (IEB) e da Comisión Cultural Martín Sarmiento. O Anexos BRAG que profunda nestas cartas foi presentado o pasado mes de decembro no Concello de Corullón.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete