O discurso de ingreso de Fraguas na Academia, dixitalizado nunha edición especial

"Bo fillo de Cotobade, Antonio Fraguas quíxonos ofrecer esta noite a gala e a honra do seu país: os seus cantos". Ramón Otero Pedrayo recibía con estas palabras a Antonio Fraguas como membro de número da Real Academia Galega o 8 de maio de 1956. O etnógrafo, xeógrafo, historiador e docente dera lectura na sesión de recepción ao discurso titulado As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán, un fermoso texto fiado con versos populares da súa terra. A Academia, cadrando co 63 aniversario daquela cerimonia, publica en versión dixital o orixinal, mecanoscrito, da intervención do protagonista do Día das Letras Galegas 2019 e mais o manuscrito da resposta que lle deu Otero Pedrayo. Na web da institución tamén se ofrece a edición de ambos os textos adaptados ás Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego.

Antonio Fraguas pasou a ocupar aquel serán de maio de 1956 a cadeira do seu mestre Castelao, de quen foi primeiro alumno no Instituto de Pontevedra e despois compañeiro no Seminario de Estudos Galegos. O novo académico iniciou a súa primeira intervención na Academia cunha demostración de admiración polo seu predecesor, que falecera seis anos antes no exilio. "Confeso que sinto neste momento un medo tremendo, estremecente, medo que xurdiu no seu día e que vai aumentando a medida que, sen querer, hai que facer unha comparación. Veño a ocupar un lugar que quedou baleiro o día 7 de xaneiro de 1950 cando alá lonxe, en Buenos Aires, morreu Alfonso Rodríguez Castelao, o amigo Daniel, o médico que por non poder varrer a morte do leito dos enfermos non quixo exercer a meiciña. Quizais fora mellor deixar vacante o seu posto deica que outro artista coma el ou Rosalía, as dúas representacións de Galicia máis sinceras e acabadas, viñera ocupar esta cadeira", empezaba.

Tras a gabanza de Castelao, Fraguas ofreceu unha análise dun feixe de coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro, a parroquia de Cotobade (Pontevedra) onde naceu e pasou a infancia, e trasladaba o auditorio a un dos seus seráns: "A noite é pequena para escoitar tódalas coplas e romances que saben as mozas e mozos, e vanas cantando con relación a parrafeos, xuramentos e promesas (...). Escoitemos as que fan alusión ás rosas e flores, que irán cantando as mozas de tódolos lugares e algunha vez os mozos en diálogo sincero e amistoso: De Loureiro a Rebordelo / todo é camiño chan, / todas son rosas e flores /postas pola miña man". Estes e outros versos que recitou aquel día ante os membros da Academia son só unha pequena mostra do cancioneiro da zona que, apuntaba, xa tiña recollido naquela altura. Case tres décadas despois, o vasto traballo sería publicado baixo o título Aportacións ó cancioneiro de Cotobade, que compila preto dun milleiro de coplas con todo tipo de expresións, desde o humor ao amor.

A versión íntegra do Cancioneiro de Cotobade viu a luz por primeira vez nunha edición da Fundación Otero Pedrayo de 1985, o mesmo ano que distinguiu a Fraguas co Premio Trasalba. O galardón volvía unilo simbolicamente a quen foi para el outro gran mestre, quen exercera unha notable influencia no seu principal estudo sobre a xeografía de Galicia. O propio don Ramón facía referencia con orgullo, na súa resposta a Antonio Fraguas, á súa posible pegada neste traballo do "novo compañeiro". Pero a xeografía foi só unha parte pequena da súa produción bibliográfica. O protagonista do Día das Letras Galegas 2019 foi sobre todo un destacado etnógrafo que traballou arreo para preservar manifestacións da cultura tradicional como as que protagonizaron a súa entrada na RAG, tamén nas palabras de despedida. "Viva, viva quen me axuda, /viva quen me está axudando, /vivan os señores todos /que me están acompañando!", despediuse Antonio Fraguas.
 

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Luns 27 de maio de 2019 / 18:00 h
Entrega dos premios do II Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán 2019


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar