O Dicionario incorpora 'desconfinamento', 'covid-19', 'coronavirus' e outras palabras da pandemia

O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega acordou na súa última xuntanza, celebrada telematicamente, incorporar ao Dicionario covid-19, coronavirus, teletraballo, desconfinamento e desescalada xunto a outras palabras de uso crecente en plena pandemia, visibles desde esta mesma mañá na edición en liña desta ferramenta esencial da lingua galega. Dende o comezo do confinamento o pasado 15 de marzo, o Dicionario da RAG acadou o maior volume de consultas da súa historia. O mes de marzo rematou cunha media de 113.000 procuras diarias que en abril chegaron ás 133.000 (preto de 4.000.000 en total), un 82% por riba das rexistradas no mesmo período do ano anterior. A crise sanitaria tamén deixou pegada entre os termos máis buscados. Xunto aos que adoitan repetirse todos os meses nesta listaxe, como , máis, fóra ou botar, nas últimas semanas as procuras das palabras corentena, confinamento, máscara e pandemia foron as que máis medraron.

A palabra covid-19 é un dos novos lemas que o Seminario de Lexicografía acordou incorporar ao Dicionario en resposta á irrupción na fala cotiá de distintos termos relacionados coa crise provocada por esta enfermidade. O termo é resultado da rápida lexicalización que experimentou o acrónimo do inglés Coronavirus Disease 2019 'doenza por coronavirus 2019', como sucedeu no seu día coa sida, a ‘síndrome de inmunodeficiencia adquirida'. O Dicionario recolle tamén a posibilidade de seguir a consideralo un acrónimo, de modo que pode escribirse igualmente con maiúsculas, COVID-19, ou só con maiúscula inicial, Covid-19. Alén da escolla neste sentido, o xénero é sempre feminino, en concordancia co da voz ‘enfermidade' á que se refire.

O termo coronavirus incorpórase tamén ao Dicionario, que se fai eco así da súa popularización en só cuestión de semanas por mor do SARS-CoV-2, o coronavirus causante da pandemia de covid-19, recorda un dos exemplos que completan a súa entrada. Entre as novas voces figuran outros termos da medicina relacionados coa pandemia como os substantivos femininos sepse e sepsia (sinónimos de septicemia, que xa aparecía recollido), ou asintomático, asintomática, o antónimo de sintómático, formado co prefixo a- de orixe grega, que indica negación.

A familia léxica de teletraballo, formada a partir do prefixo de orixe grega tele- (a distancia) e cada vez máis empregada ao se converter nunha modalidade prioritaria no estado de alarma, xa está recollida tamén dende hoxe no Dicionario, que completa a entrada de traballo co fraseoloxismo "traballo a distancia", de idéntico significado. De igual maneira, xunto á palabra webinario, o Seminario de Lexicografía acordou engadir o fraseoloxismo "seminario web" na entrada de seminario.

O Dicionario enriquécese tamén coas voces desconfinamento e desescalada –formadas, unha vez máis, cun prefixo (neste caso des-) a partir de palabras que xa figuraban no Dicionario–, infodemia e resiliente, e incorpora as acepcións de resiliencia relativas á capacidade de adaptación a situacións adversas.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 8 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Ricardo Carballo Calero no seu tempo
Xoves 15 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Estudos sobre literatura
Xoves 22 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Creación literaria
Xoves 29 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Ideas e achegas ao idioma
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete