O Día das Letras Galegas de 2016 estará dedicado a Manuel María

O poeta Manuel María, autor dunha extensa obra e expoñente do activismo político, representa a conciencia e o compromiso inquebrantable coa lingua galega.

Manuel María

Manuel María Fernández Teixeiro, nado en Outeiro de Rei (Lugo) o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, foi un poeta, narrador e dramaturgo recoñecido, de extensa obra e inquebrantable compromiso coa lingua galega.

No ano 1943, Manuel María trasladouse a vivir a Lugo, onde cursou o ensino secundario entre o Instituto Masculino e o colexio dos Maristas. Nesa altura entrou en contacto con personalidades como Uxío Novoneyra, Luís Pimentel, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero e Aquilino Iglesia Alvariño. Chegado o ano 1949, os seus versos viron por primeira vez a luz na revista de poesía Xistral, fundada por Pimentel. O seu primeiro libro tampouco tardou en chegar: Muiñeiro de brétemas publicouse en 1950, cando o autor contaba só 19 anos, o que o converteu no poeta máis novo que publicaba en galego na posguerra. Este primeiro poemario inaugurou a denominada "Escola da Tebra".

No ano 1951 matricúlase en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Nesta época concibe o libro de poemas Morrendo a cada intre, publicado en 1952, ano no que crea a Editorial Xistral en Lugo. Arredor de 1954 comeza a colaborar na revista Alba. É na casa do director da publicación, Ramón González Alegre, onde coñece a Bernardino Graña e Xosé Luís Méndez Ferrín, ambos profesores do colexio Fingoi. Con este último mantería unha forte relación de amizade.

No ano 1953 volve a Lugo e un ano despois gaña os Xogos Florais de Ourense e coñece algúns dos máis importantes intelectuais ourensáns: Cuevillas, Antón Tovar ou Vicente Risco. En 1957, acadou o título profesional de Procurador, que o levou a comezar o exercicio da súa profesión en Monforte. En maio de 1959 casou con Saleta Goi García, a muller que o acompañou na maior parte dos seus proxectos e a quen o poeta quixo citar ao longo da súa obra. Con Saleta argallaría a colección Val de Lemos, onde viron a luz poemas de Luz Pozo, Carballo Calero, Pura Vázquez ou Cabanillas. No ano 1970, ambos os dous abriron en Monforte a libraría Xistral, auténtico centro de dinamización cultural da vila.

Nos anos sesenta e setenta, Manuel María atende os chamamentos e peticións que lle chegan de todas as organizacións que, ao longo e ancho do país, andan a traballar pola recuperación cultural: desde impartir conferencias ou recitar poemas a presentar a Nova Canción Galega. A súa obra literaria diversifícase e multiplícase de acordo cos novos tempos: ensaio, narrativa, teatro... sen abandonar o cultivo da poesía. Do existencialismo e o seu pesimismo radical evoluciona cara á unha poesía de compromiso social, canalizando unha resposta nacionalista ao franquismo.

No entanto, a carón do traballo intelectual, o poeta manifestou o seu compromiso na militancia política clandestina que culminaría na súa elección como concelleiro no ano 1979.

A partir da década dos oitenta, a súa poesía acada unha expresión máis íntima e humanista e nestes anos escribe e publica talvez o seu máis rico corpus poético. O poeta participa activamente nas actividades de entidades como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega ou a Asociación de Escritores en Lingua Galega e emprende tamén unha serie de viaxes que o levan a diversas partes de Europa. Nesta época son frecuentes as homenaxes, os premios e os recoñecementos.

En 1998 Manuel María e Saleta trasladan a súa residencia á cidade da Coruña, onde pasa os seus últimos anos e onde manterá unha tertulia no Kirs. Manuel María falece o 8 de setembro de 2004.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 5 de decembro de 2019 / 19:00 h
Charla de Toponimízate - Casa da cultura de Noia
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete