O ciclo sobre as Irmandades da Fala aborda en xullo as súas achegas á oratoria, á prosa non ficcional e á prensa

As Irmandades da Fala crían necesario un novo rexurdimento literario, pero a súa estratexia a prol do galego incluíu a súa extensión a todo tipo de contextos cultos nos que ata o momento non tivera cabida ou apenas se cultivara. Da súa man emerxeron así a oratoria, o ensaio ou unha serie de medios de comunicación en galego, parte dos eidos nos que se centrará o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, unha das iniciativas da Real Academia Galega co gallo do centenario da fundación deste movemento que marcou un antes e un despois na historia de Galicia e do idioma. As dúas primeiras mesas redondas do ciclo, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, celebraranse en Santiago de Compostela os vindeiros 7 e 19 de xullo, baixo os títulos Oratoria e prosa non ficcional e As Irmandades da Fala e a prensa, respectivamente.
O ciclo arrincou o 16 de xuño cunha conferencia
do académico Xosé Ramón Barreiro. Foto: RAG

As mesas, de entrada libre, desenvolveranse no Museo do Pobo Galego, coincidindo coa itinerancia en Santiago de Compostela da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, un percorrido pola historia e o legado das Irmandades organizado pola Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o propio Museo.

O 7 de xullo, a partir das 19.30 horas, a mesa Oratoria e prosa non ficcional contará coas intervencións de Arturo Casas, profesor do Departamento de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela; Teresa López, do Departamento de Galego-Portugués da Universidade da Coruña; e Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega. O encontro será moderado polo secretario da RAG, Henrique Monteagudo. Arturo Casas achegará o relatorio As Irmandades e a emerxencia dunha esfera pública: novos actores político-culturais, novas prácticas ensaísticas; Teresa López, Ideas e debates sobre a literatura, no que profundará nos ensaios e outros textos de non ficción sobre a literatura, e Xesús Alonso Montero falará sobre a oratoria en galego, na que as Irmandades puxeron o acento e sen apenas precedentes.

O 19 de xullo, tamén a partir das 19.30 horas, o programa centrarase na relación entre as Irmandades da Fala e prensa desde distintas perspectivas. A académica e catedrática da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC Margarita Ledo participará cunha intervención titulada Pensar un modelo de comunicación. A xornalista Carme Vidal analizará o papel das mulleres n'A Nosa Terra e o tamén xornalista Xan Carballa desenvolverá un elatorio titulado A prensa, escaparate das Irmandades.

O ciclo foi inaugurado o pasado 16 de xuño cunha conferencia do historiador e académico Xosé Ramón Barreiro Fernández na sede da RAG, na Coruña. O programa pecharase en decembro tamén na rúa Tabernas, 11 despois de percorrer as principais cidades do país, seguindo a ruta marcada pola itinerancia da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!

En total, celebraranse nove mesas de debate. Catro delas céntranse, ademais de na prosa de non ficción e na oratoria, no teatro, na narrativa e na poesía que cultivaron as Irmandades da Fala, xéneros aos que a RAG lles dedicará cadansúa antoloxía, que serán editadas ao longo de 2016. O eido da ilustración, as iniciativas xornalísticas e editoriais deste movemento, as súas ideas lingüísticas e os seus protagonistas completan o programa, que contará coa participación de máis dunha trintena de expertos e expertas, parte deles membros da Academia.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 8 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Ricardo Carballo Calero no seu tempo
Xoves 15 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Estudos sobre literatura
Xoves 22 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Creación literaria
Xoves 29 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Ideas e achegas ao idioma
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete