O 'Boletín' recompila achegas á vida e obra de María Victoria Moreno e á 'Gramática' de Saco Arce

A vida e a obra de María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939- Pontevedra, 2005) protagonizan o último Boletín da Real Academia Galega, correspondente a 2018. O número 379, dispoñible desde hoxe a través da páxina web da institución, xunta máis dunha ducia de achegas arredor da protagonista do Día das Letras Galegas do ano pasado presentadas no simposio que a institución lle dedicou a finais de novembro na Coruña e mais as alocucións académicas que se pronunciaron no pleno extraordinario celebrado o 17 de maio de 2018 en Pontevedra.

A Real Academia Galega edita desde 1906 o Boletín, onde recolle traballos de investigación centrados en distintos aspectos da lingua, cultura e a literatura galegas. Xunto ás achegas dedicadas á figura protagonista do Día das Letras Galegas 2018, que adoptou o galego como lingua de expresión vital e literaria poucos anos despois de se instalar en Galicia, o novo número recompila os ensaios e intervencións das xornadas de traballo que se celebraron en novembro e decembro en Ourense e Santiago de Compostela en homenaxe a Juan Antonio Saco Arce (Toén, 1835 - Ourense, 1881) e a Samuel Eiján (Leiro, 1876 – Santiago de Compostela, 1945). O primeiro foi autor da Gramática que inaugura os estudos científicos nesta especialidade (1868), referencia fundacional da filoloxía galega; e o segundo, figura destacada da lírica relixiosa no século XX. Completan o volume as seccións habituais da publicación, nas que se resume a actividade da RAG ao longo do ano, e o recordo de Ivo Castro en memoria da académica de honra Giulia Lanciani.

María Victoria Moreno en todas as dimensións
O Boletín 379 ábrese coas achegas do Simposio María Victoria Moreno, celebrado os días 27 e 28 de novembro na sede da Academia. Nesta cita expuxéronse relatorios como o da profesora experta en literatura infantil e xuvenil (LIX) Blanca Ana Roig Rechou, que analiza o "lugar de honra" de María Victoria Moreno neste xénero; a ollada á poesía da homenaxeada que ofrece o poeta Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de LIX e amigo persoal dela desde que compartiron a codirección da colección de Galaxia para o público máis novo; a mirada do tamén amigo e exalumno Xesús Rábade ao poemario Elexías de luz, ou a revisión do compromiso da escritora coa cultura galega que trazou Xavier Senín, que coñeceu a María Victoria Moreno nos cursos de galego para docentes que ela impartiu nos anos 80.

Montse Pena Presas aborda tamén a súa faceta como docente e filóloga a través dos libros de texto de literatura galega dos que foi coautora, Isabel Mociño González profunda na conciencia cívica dunha muller adiantada ao seu tempo e Isabel Soto detense nalgunhas claves do seu discurso literario.

O editor Manuel Bragado mergúllase nas páxinas do Diario da luz e a sombra, a crónica de María Victoria Moreno como enferma de cancro, da que tamén bebe a contribución do académico Andrés Torres Queiruga arredor da morte e a transcendencia na obra da autora. A académica correspondente Mercedes Queixas incide noutro artigo recollido neste Boletín no marcado carácter pioneiro da súa prosa canto ao tratamento dalgunhas temáticas, tan novidosas no seu momento, como a desigualdade de xénero e Fina Casalderrey presenta a María Victoria Moreno entregada ao ensino. A académica interveu tamén no pleno do 17 de maio. A súa alocución e as pronunciadas polos tamén académicos de número Xesús Alonso Montero e Marilar Aleixandre recóllense noutro capítulo. O profesor Alonso Montero, compañeiro de María Victoria Moreno desde que se coñeceron como docentes nos anos 60 no daquela Instituto Masculino de Lugo, afonda no seu compromiso cívico e a escritora Marilar Aleixandre, nas tensións entre a súa vida profesional e as angueiras domésticas.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 12 de novembro de 2019 / 10:45 h
Toponimízate: IES Francisco Asorey - Cambados
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete