O Ano Antonio Fraguas remata

O Ano Antonio Fraguas remata. O Museo do Pobo Galego, a institución da que foi o primeiro director e despois presidente, clausurou o pasado día 28 de decembro a exposición dedicada ao etnógrafo, xeógrafo e historiador co gallo do Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega lle dedicou neste 2019. O acto, no que participou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, serviu de peche do amplo programa de actividades celebradas nos últimos doce meses para divulgar o legado de Antonio Fraguas.

Un momento da actuación de Oradaladou. Fonte: Museo do Pobo Galego


A clausura da exposición cadrou co aniversario do homenaxeado, nado en Cotobade o 28 de decembro de 1905. A súa terra natal, moi presente na súa obra, tivo un protagonismo especial no acto. Sonsoles Penadique e Carlos Quintá, integrantes de Oradaladou, interpretaron coplas do seu Cantigueiro de Cotobade.

O Concello de Cerdedo-Cotobade foi tamén protagonista do pleno extraordinario que a Real Academia Galega celebrou o pasado 17 de maio. A institución organizou o acto central do Día das Letras Galegas na carballeira de Famelga, ao pé da escola que marcou o futuro de Antonio Fraguas, compartindo coa veciñanza a homenaxe a unha figura esencial para a preservación da memoria colectiva. Cerdedo-Cotobade foi ademais meses antes o escenario elixido pola Academia para a presentación da Primavera das Letras de Antonio Fraguas, da man das comunidades escolares dos colexios de Carballedo e Tenorio.

Numerosas iniciativas de asociacións culturais, veciñais ou centros escolares divulgaron ao longo deste ano a figura e a obra do protagonista das Letras Galegas 2019. Dende a perspectiva académica, cómpre salientar o Simposio Antonio Fraguas. O programa de tres xornadas, coorganizado pola Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura Galega, xuntou unha vintena de especialistas que profundaron no seu perfil humano e docente e nas súas achegas ao campo da etnografía, do folclore, da xeografía e da arqueoloxía.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete