O alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas coñece a Academia e a súa historia

O alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" coñeceu hoxe a Real Academia Galega e a súa historia da man do presidente da institución. Víctor F. Freixanes impartiu a conferencia inaugural da trixésimo segunda edición destes encontros, organizados desde 1988 pola Academia en colaboración co Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. O responsable da RAG deulles a benvida aos setenta estudantes matriculados nesta edición, procedentes de vinte países de catro continentes, e explicoulles as orixes e funcións da Academia.

Tras a visita á RAG, a xornada na Coruña continuará esta tarde cunha visita á Torre de Hércules, que celebra estes días o décimo aniversario da súa declaración como monumento Patrimonio da Humanidade.

Víctor F. Freixanes presentoulles tamén as distintas ferramentas dixitais da Academia para profundar no idioma de Galicia, entre as que destacan o Dicionario en liña e a súa aplicación para móbiles e o Portal das Palabras. O responsable da institución ofreceulles ademais un percorrido pola historia da lingua galega, desde o esplendor medieval e o Rexurdimento ata a situación actual na que o galego, salientou, é un idioma de expresión de modernidade en todos os ámbitos culturais, desde a literatura e a música ao deseño ou a arquitectura.


Un momento da conferencia de Víctor F. Freixanes, acompañado na mesa polas profesoras Lidia Gómez e Cristina Quinteiro. Fonte: RAG

 

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 24 de xullo de 2019 / 11:30 h
Clausura dos XXXII Cursos de lingua e cultura galegas

Novas da Academia

Subscríbete