"Na experiencia de Chévere, o teatro en versión orixinal suma, o público agradéceo"

O público de teatro está afeito a acudir a espectáculos en versión orixinal en inglés, francés ou italiano, pero cando unha obra foi creada nunha lingua cooficial do Estado e se representa nunha comunidade distinta á de orixe segue sendo habitual que se opte pola tradución ao castelán. O costume contrasta coa boa acollida xeral que recibe a versión orixinal, salientan Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés, integrantes desde os seus inicios de Chévere, Premio Nacional de Teatro en 2014. A actriz e o actor participaron hoxe nos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" cun relatorio no que abordaron o compromiso fundacional co idioma da compañía e a súa experiencia levando en versión orixinal a outros puntos de España e países obras como Annus Horribilis, Eroski Paraíso ou Divinas Palabras Revolution, adaptación libre do título de Valle-Inclán coa que estiveron o pasado mes de maio no Teatro Español de Madrid. "A nosa experiencia é que a versión orixinal suma, non resta, o público agradece poder escoitar o espectáculo na súa lingua orixinal. E se hai público que diga si a un espectáculo en francés pero non a un en galego, daquela ese non é o noso público", sentencia Patricia de Lorenzo.

Manuel Cortes e Patricia de Lorenzo durante o relatorio. Fonte: RAG


O humor é unha das marcas da identidade, e do éxito, de Chévere desde a súa creación en Santiago de Compostela en 1987. Outra é o idioma. "Para nós facer teatro en galego foi algo incuestionable. Era o natural no momento en que naceu Chévere, unha condición que ía ligada á propia determinación de facer teatro. As persoas que comezaron daquela a facer teatro en Galicia e as que hoxe seguen a facelo adoptaron ese compromiso cultural", analiza Patricia de Lorenzo. "O normal no país no que estamos é que o medio de expresión enriba dun escenario sexa o galego", coincide Manuel Cortés.

Pero a normalidade que acadou a lingua galega na escena teatral segue tropezando con atrancos, algúns deles mesmo dentro de Galicia. "Inda hoxe hai teatros en determinadas cidades que lle aplican estigmas e empregan a etiqueta teatro galego, baixo o prexuízo de que todo aquilo que vén de Madrid é de maior calidade", lamenta De Lorenzo.

Outros obstáculos evidéncianse cando se leva a outros puntos do territorio estatal. "Os prexuízos lingüísticos á hora de acudir a un espectáculo nunha lingua peninsular aínda existen, é algo que se percibe e que depende un pouco dos espazos. Aínda hai teatros onde obrigan a traducir as obras ao castelán, pero cada vez acéptase máis que se manteñan na lingua cooficial orixinal", indica Manuel Cortés. "O espectador do teatro é dun nivel cultural medio-alto e vaise liberando deses prexuízos. Non hai ningunha diferenza entre ver un espectáculo sobretitulado en inglés, francés ou alemán, que é algo moi habitual, e velo en galego ou catalán. É máis, moitos espectadores chegan á conclusión de que o galego non é nada difícil e ao cabo dun tempo vanse desconectando dos sobretítulos e seguindo os personaxes sen ningún problema. Deberiamos reflexionar sobre isto, porque os idiomas peninsulares, salvo o éuscaro por razóns obvias, non son difíciles de entender para un castelanfalante", reflexiona. Patricia de Lorenzo coincide. "A versión orixinal suma, o público agradece poder escoitar o espectáculo na súa lingua orixinal. Deste xeito non se perden matices e, ademais, moita xente agradece a posibilidade de poder escoitar unha lingua do Estado como a galega, porque dalgunha maneira tamén a senten como propia".

Durante moitos anos Chévere mantivo en Compostela a súa propia sala, A Nasa, membro da rede de teatros alternativos de nivel estatal. A través dela foi onde levou as súas primeiras representacións en versión orixinal fóra de Galicia, a Cataluña e sen sequera sobretítulos, lembra a actriz. Pero a primeira gran xira de Chévere en versión orixinal, por España e Portugal, foi a que fixo coa ópera Annus horribilis a mediados dos anos 90. Un dos sitios onde mellor acollida recibiu foi Sevilla, confesa Manuel Cortés. "Probablemente canto máis na periferia menos prexuízos atopas", considera. "O galego é ademais un motor de comunicación potente con toda a lusofonía. Estivemos en Brasil e Mozambique e non tivemos ningún problema para que se nos entendera enriba do escenario, non houbo nin que empregar sobretítulos", exemplifica.

Eroski Paraíso é outra das obras que Chévere levou fóra de Galicia en versión orixinal sobretitulada. Representouna en 2017 en Madrid, á billeteira, nas Naves del Matadero. E foi un "grande acerto", igual que a experiencia máis recente de Divinas Palabras Revolution no Teatro Español, malia enfrontarse a un público como parte do abonado, quizais máis conservador. "Hai de todo, pero a reacción normal e frecuente do público é boa. A versión orixinal sempre é a condición ideal para representar calquera espectáculo", resume Patricia de Lorenzo. Pero garantila depende de "moitas circunstancias" que van alén dos prexuízos. A económica é unha delas, porque a sobretitulación é "un custo engadido" que require persoal e equipamento técnico a maiores. "A gran clave creo que está na programación dos espazos, que se teña que prever igual que a accesibilidade para todos os públicos", conclúe.

Trinta e un anos proxectando o galego no mundo
Coma Chévere, os Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" levan trinta e un anos en marcha. Nesta edición suman 75 estudantes procedentes de vinte e catro países de Europa, América, Asia e África, e cinco comunidades autónomas do Estado español. Como é tradición, as aulas desenvólvense en Santiago de Compostela combinando as sesións teóricas e prácticas cun programa de palestras protagonizado por mulleres e homes que destacan na cultura galega desde os seus respectivos eidos de acción, obradoiros de música e baile ou roteiros.

Fonte: RAG
Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 24 de xullo de 2018 / 11:30 h
Clausura dos XXXI Cursos de lingua e cultura galegas

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar