"Miña nai inventaba cada noite un conto para min"

A nena "xeitosa, / con voz de prata, /doce ollar, /medosiña polas noites /e risoña polas mañás" á que María Victoria lle dedicaba en 1986 a segunda edición de Mar adiante vive o Ano María Victoria Moreno con sentimentos encontrados. "Está sendo moi bonito e ao mesmo tempo duro, especialmente cando oes a súa voz. Pero estou moi contenta, sobre todo polo que significaría isto para ela", conta Begoña Llácer Moreno, filla da protagonista do Día das Letras Galegas 2018. Conversamos con ela sobre a vida da nena e adolescente xunto a unha escritora que coñeceu o éxito literario dirixíndose precisamente ao público máis novo. Unha autora que, recorda, escribiu boa parte da súa obra na cociña e sometendo a debate familiar as historias que logo ensamblaba en forma de novelas e relatos. Unha nai, salienta, esixente pero tamén cariñosa e divertida de quen aprendeu a ser positiva e loitadora.
Begoña coa súa nai, María Victoria Moreno, e
o seu pai, José Luis Llácer. Arquivo familiar

Como se afronta o Ano María Victoria Moreno sendo filla dela?
Está sendo moi bonito, porque notas o cariño da xente, e ao mesmo tempo é duro e triste, especialmente cando a oes falar. Pero estou moi contenta, sobre todo polo que isto significaría para ela. O outro día, na homenaxe que lle renderon no IES Torrente Ballester (o último instituto no que traballou), vin un documental no que a recordan alumnos e compañeiros con moitísimo afecto, e iso para a familia é moi importante.

Non é casual que as primeiras homenaxes neste Ano María Victoria Moreno tivesen lugar en centros educativos. Ela mesma dicía que se tivese que escoller entre a docencia e a escritura quedaría coa primeira e todo o mundo que a coñeceu como profesora coincide en que era unha ensinante especial.

Ela amaba os alumnos, non lle importaban tanto as notas como as persoas, cría que sempre había algo bo en todas. Todo o vivía moi apaixonadamente, sufría moitísimo cos alumnos e tamén era feliz con eles. Se estaba preocupada por alguén, na casa falabamos do tema, aínda que nunca mencionaba os nomes.

Na súa literatura queda reflectida esa conexión coas persoas máis novas, tamén coas de carácter máis rebelde. Vostede viaxou moito en coche coa súa nai, como os dous protagonistas de 'Anagnórise', cando ela traballaba e vostede estudaba no IES de Vilalonga (Sanxenxo). Tiñan conversas parecidas ás de Xulia Andrade e Nicolau Arís sobre a vida? Recoñécese nesas viaxes compartidas? Quizais aquel tempo compartido tivo algo de inspirador…
"A maioría dos seus libros teñen moita parte de realidade, baséanse en feitos que aconteceron na nosa casa ou fóra, por iso ás veces os nomes das persoas son reais" Para miña nai significaba máis conseguir algo dos alumnos rebeldes. Como dixen, para ela a parte humana era a máis importante. A maioría dos seus libros teñen moita parte de realidade, baséanse en feitos que aconteceron na nosa casa ou fóra, por iso ás veces os nomes das persoas son reais. Pero eu non me recoñezo en ningunha das conversas de Anagnórise, aínda que xa me ten dito máis xente que estou reflectida tanto neste libro como noutro posterior, Guedellas de seda e liño, porque fun unha moza moi rebelde. O que si é certo é que en Anagnórise menciona unha canción de David Bowie ("The man who sold the world") porque a min me gustaba moito. Ela introduciuna na novela para min!

Cando e como escribía?
En principio todos os cuartos da casa estaban ocupados, só lle quedaba a cociña, e alí escribía polas noites, cando os demais iamos durmir. Primeiro escribía todo a man, nunha especie de fichas (no reverso de folios usados, como Nicolau Arís en Anagnórise) que logo ía pasando a máquina. En realidade escribía anacos de historias e despois empezaba a unilos ata darlles un sentido global.

Pedía opinión na casa?
Sempre. Íanos lendo eses anacos de historias e preguntábanos se nos parecían interesantes, se precisaban algún xiro. A min ás veces tamén me preguntaba que estilo se estaba levando nos libros que eu lía. Cando escribiu Leonardo e os fontaneiros eu suxerín que o fixese de tal xeito que se puidese ler en ordes distintas.

Como na colección 'Elige tu propia aventura'.
Si, si, porque daquela eses libros levábanse moito. Díxenlle: "mamá, por que non fas un libro así? É máis complicado pero moi divertido". Dalgunha maneira participabamos todos no proceso da escrita comentando o que nos gustaba. Ela tiña a idea, expresábanola e logo diciámoslle: "por que non o fas así?". Aseguraba que nós sempre eramos os máis duros nas críticas!

E como vivía vostede o feito de ser a filla dunha escritora de libros que lían as compañeiras e compañeiros da escola?
Eu vivía a miña relación con ela como nai, non como escritora, teño ido con ela a algunha conferencia pero intentaba manter ambas as esferas separadas. Como nai era estupenda... Esixente e estrita, iso si, pero moi cariñosa e divertida.

Malia ser unha relación normal entre nai e filla, comenta que participaba no proceso de creación das súas obras e con máis anos verteu ao castelán 'Leonardo e os fontaneiros' e 'Anagnórise'. Ademais vostede está tamén presente en distintas obras, nesa fermosa dedicatoria da segunda edición de 'Mar adiante' (1986) ou en 'Leonardo e os fontaneiros', porque vostede é esa Begoña de "ollos coma as uvas maduras, entre verde e castaño, doces e ledos". Debe de ser moi emotivo poder ler sendo nena algo así sobre unha mesma nun libro dedicado ao público infantil.
Si, de feito, no cuarto da miña filla teño outra dedicatoria da miña nai que apareceu en Eu conto, ti cantas... adaptada para ela: "Para ti, que chegas á casa ao solpor e regálasme todas as luces do día". O caso das traducións foron dúas cousas puntuais, nada máis.

Líalle María Vitoria contos aos fillos cando eran pequenos?
Non, inventábaos! A min contábame sempre uns de dous elefantes, unha elefanta e a súa elefantiña, e outra de dúas bolboretas, unha maior e outra máis, a filliña tamén, cada noite inventaba a súa historia (ri). E tamén compuxo un arrolo. Era o meu arrolo, cantábamo ás veces... É o que aparece en Elexías de luz (o libro de poesía de María Victoria Moreno publicado postumamente).

E máis adiante, cando empezaron a ler, orientaba as lecturas dos fillos?
Non, dábanos total liberdade. Ás veces tiña tempadas nas que lía cousas que a ela lle parecían horribles, pero dicía que daba igual o que leses, que o importante era ler. Ela mesma lía de todo, porque dicía que era importante coñecer o que se estaba a publicar, o que lía a xente e por onde ía a literatura en cada momento. Compraba e lía moitos libros, mesmo algunha vez leu as noveliñas de amor que lía unha veciña, desas que se mercaban nos quioscos, para saber por que atraían o público.

É certo que os libros que consideraba malos llelos daba aos cans para que roesen neles?
Iso é máis unha lenda! Algunha vez pasou, porque na casa os cans non estaba moi ben educados (ri). Rillaban as patas da mesa e si é verdade que algunha vez colleron algún libro, pero normalmente non.

A anécdota reflicte, en calquera caso, a relación especial que matiña cos animais, que tamén queda ben patente na súa obra.
Si, tivemos cans desde que eramos pequenos. Á miña nai non lle gustaban, tíñalles medo, pero nós queriamos un e desde que nos trouxo o primeiro, un cachorro de pastor alemán cruzado con san bernardo, namorouse deles. Antes de que chegásemos nós á casa, tiña un periquito que falaba, chamábase Ruliña (como o paxariño que fica no barco escola de Mar adiante); levaba a súa foto na carteira e contábame que comía na mesa con ela e o meu pai! Ela era así, moi divertida e ocorrente!

María Victoria Moreno foi unha muller adiantada ao seu tempo en distintos sentidos. Como nai, era máis moderna ca outras da mesma época? Cal diría que é a gran lección da vida que aprendeu dela?
Si, era máis moderna, pero que conste que era máis liberal cos fillos dos demais que connosco, como ocorre sempre (ri). Na casa podíase falar de todo e consultalo todo. Ensinoume moitas cousas, sobre todo a sempre tirar cara a adiante, pase o que pase, a ser positiva e loitadora. A súa actitude ante a vida era a de ir cara a adiante cun sorriso, dicía que non había que pensar tanto no que se fixera mal.


Begoña Llácer Moreno coa súa filla Victoria. Arquivo familiar


Ese carácter adivíñase en 'Diario da luz e a sombra' (2004) o ensaio a modo de diario no que conta as súas experiencias e reflexións sobre o cancro que padeceu. Nas súas páxinas tamén se intúe unha xenerosidade especial que salientan moitas persoas que a trataron.
Era o seu xeito de ser. Na casa entraban dous soldos fixos, tiñamos a comida asegurada e a partir de aí todo o demais, dicía, sobraba, había que compartir cos demais porque se as persoas que te rodean están ben e son felices, ti es feliz. E é verdade, ver os demais felices é o mellor que che pode pasar…. Recordo que sempre tiñamos a casa chea xente. Encantáballe cociñar, convidar as amizades e, sobre todo, conversar. Tamén había alumnos que de súpeto aparecían pola casa, e convidaba os meus amigos. Cando fun un pouco maior e saía de noite, tiña unha hora de regreso, pero convidábanos a que rematásemos a noite alí. Daquela sentaba connosco e charlabamos todos.

Hoxe María Victoria Moreno sería a avoa dunha rapaciña de dez anos que leva o seu nome. Está a ler os libros dela?
Si, le a súa avoa, le, encántalle ler. Non fala moito sobre a avoa comigo, pero si cos demais. Agora ten que preparar un traballo no colexio sobre ela e, polo visto, está moi orgullosa de ser a súa neta. Todo este ano está a ser tamén moi importante para ela.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 12 de decembro de 2018 / 16:00 h
Santiago: Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega
Mércores 12 de decembro de 2018 / 18:00 h
Ponteceso - Fundación Eduardo Pondal: Charla da campaña 'Toponimízate'
Xoves 13 de decembro de 2018 / 19:30 h
Muros - Aula Cemit: Charla da campaña 'Toponimízate'
Venres 14 de decembro de 2018 / 12:00 h
Xinzo de Limia - IES Lagoa de Antela: Charla da campaña 'Toponimízate'
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - CPI Julia Becerra Malvar: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar