María Victoria Moreno "en estado puro"

"Gustaríame dicir que deixo un ronsel de amor, un bo exemplo e un libro que descubra algo a quen o lea", escribiu María Victoria Moreno nas páxinas quizais máis duras, sinceras e emotivas da súa vida, as que conforman o Diario da luz e a sombra (Xerais, 2004), unha crónica da experiencia como enferma de cancro, un canto á vida no que tampouco oculta o sufrimento. Este libro é tamén un autorretrato, "María Victoria en estado puro", expresa a académica Fina Casalderrey, amiga persoal da autora protagonista do Día das Letras Galegas 2018. "Escribiuno como desafogo en momentos moi duros, porén non renuncia a despregar nel a beleza da palabra, as características dun texto literario. Ese seu estilo, a súa poética, están tamén nesta obra" que, cal ostra, consegue unha perla nada dun momento de dor, loa. "Emociona a calquera que posúa un mínimo de sensibilidade e aínda máis a quen tivemos a oportunidade de coñecela".

O 13 de decembro de 2004, horas despois de saber que a pupa cabrona se estendera ao fígado, e se esgotaba o seu tempo de loita, María Victoria Moreno presentaba no café Moderno de Pontevedra Diario da luz e a sombra, falando con enteireza e dándolles esperanzas ás posibles persoas enfermas que a estaban a escoitar. Once meses despois morría. O volume acabado de saír do prelo empezara a xestarse sen ela sabelo cando lle foi diagnosticado un cancro de peito en 1997, un ano despois de quedar viúva. "Un bolígrafo, unha folla de papel en branco e uns minutos de soidade son máis que suficientes para descubrirnos a nós mesmos e ordenar desde dentro este mundo que tantas veces nos parece incomprensible", escribe nel, e seguramente por iso desde o momento do diagnóstico deu conta en seis cadernos dos seus sentimentos e reflexións, das luces e as sombras que a acompañaron nesta travesía. Gran parte desas páxinas nunca chegaron a publicarse: "(...) desafoguei nelas moito fel, tratei con extrema dureza a persoas que amo moito e arrepíntome moito do que escribín. Ben querería hoxe non ter escrito tales cousas... Por iso prefiro que morran no esquecemento e que ninguén as vexa".

Ela mesma contoulle nunha entrevista ao xornalista Xan Carballa n'A Nosa Terra que rompera todos eses cadernos días antes da publicación de Diario da luz e a sombra, pero o libro reproduce literalmente fragmentos deles, destacados en cursiva, que serven de ganduxo nun relato no que as luces son "todas as persoas" que coñeceu durante a enfermidade. E tamén "verlle un pouco as orellas á morte e pensar un pouco en serio que é a vida, para que estou aquí, ata onde cumprín o que tiña que facer, que teño, que deixo...", explicaba María Victoria Moreno á xornalista María Varela noutra entrevista publicada no Diario de Pontevedra.

Diario da luz e a sombra fala desas persoas, as que coñeceu na sala da quimioterapia, os médicos que a trataron -e aos que lles dedicou este diario-, das amizades e da familia. Pero tamén fala de si mesma, indagando no seu eu desde todas as perspectivas. "É como un diario de a bordo no que vai plasmando a súa interpretación do ensino, dos benditos cachorros da súa especie e dos outros, da literatura e da súa maneira de a entender, da lectura, da familia... todo o que lle importa está nese libro", sentenza Fina Casalderrey. Están tamén reflectidos os estados de ánimo experimentados ao longo da doenza, "momentos de desesperación e momentos de máis esperanza". Por iso, engade, esta obra é coma un río, "con remansos e con momentos rápidos, e mesmo con fervenzas que a fan caer en picado".

O resultado é unha obra "con moitas páxinas brillantes", que emociona, cativadora como a súa autora. "Era unha muller que fascinaba, snob (como se autocualificou no Pregón da Feira do Libro de Pontevedra de 2003), extravagante, e moi segura de si mesma", recorda a académica. "A súa vulnerabilidade só tiña que ver cos afectos". Demóstrao tamén neste Diario da luz e a sombra que é "ela mesma en estado puro". "Moitos dos momentos de dor que hai neste texto, son momentos de dor nos afectos", conclúe Fina Casalderrey.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 20 de outubro de 2018 / 9:30 h
III Xornada de Onomástica Galega: Os alcumes
Martes 23 de outubro de 2018 / 19:00 h
Conferencia de Carlos Núñez: O éxito da "marca celta" e a súa profundidade
Mércores 24 de outubro de 2018 / 19:00 h
Presentación do novo número da revista da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán
Martes 27 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Mércores 28 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar