Máis e mellor galego nos medios de comunicación

O idioma nos medios de comunicación foi un dos temas que se asomou, por partida dobre, ás palestras dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras". A XXXI edición destes encontros, que se clausurou o pasado 24 de xullo en Santiago, contou entre as persoas convidadas con dous xornalistas: María Obelleiro, directora do semanario Sermos Galiza, e Alberto Mancebo, correspondente en Portugal da CRTVG. Obelleiro salientou a "anormalidade" do sistema mediático galego que supón que non exista ningunha cabeceira en papel que se exprese en galego, unha situación única nos territorios estatais con lingua propia, e Alberto Mancebo, desde a perspectiva dos medios públicos, explicou a súa experiencia na CRTVG pero tamén como rapaz que medrou vendo o Xabarín Club. O reporteiro reivindicou ademais a importancia da figura dos lingüistas para garantiren a calidade do idioma nas redaccións.

María Obelleiro e Alberto Mancebo nas conferencias que impartiron nos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras". Fonte: RAG


O xornalismo na Rede abriu nos últimos anos novos espazos para a lingua galega, pero o papel segue a ser necesario para o propio xornalismo e para o prestixio e o futuro do idioma. Esta foi a mensaxe fundamental que deixou María Obelleiro na conferencia que ofreceu ao alumnado dos cursos "Galego sen fronteiras", procedente de vinte e cinco países de catro continentes. "O dixital foi o soporte mediático que na última década máis abeiro lle deu ao galego. Estes diarios, digamos, alternativos, que son os dixitais e construídos ademais sobre a base popular, desenvolveron un rol fundamental para contribuír a normalizar a lingua, son os que a protexen. Pero fóra diso o que hai é practicamente un ermo", advirte a xornalista, que recorda que neste ecosistema da información na Rede o pioneiro Vieiros "representou todo un punto de inflexión".

Pero a plataforma dixital non o é todo, advertiu a directora do semanario en papel Sermos Galiza, que se complementa co diario dixital de igual nome. "O futuro pasará sobre todo polo xornalismo multiplataforma, o que combina distintos soportes, iso é cara ao que apuntan hoxe distintas investigacións das persoas expertas no tema, que acalan as voces que din que pasa pola dixitalización. E mentres siga habendo diarios en papel, eu creo que o galego ten que estar tamén aí", reflexiona María Obelleiro, que chama a recuperar o camiño iniciado por cabeceiras históricas como O Tío Marcos d'A Portela, A Monteira ou A Nosa Terra.

A día de hoxe Galicia é o único territorio estatal con lingua propia que non conta cun diario en papel, un soporte que, malia o auxe do dixital, segue a ser o que goza de máis prestixio e credibilidade, e tamén o que garante máis a independencia dun medio, engade. "É un feito indubidable que o poder da palabra impresa segue a ser hoxe moito maior que o da dixital. Prodúcese ademais algo curioso: aínda que o que máis se difunde é o que está na Rede, o que garante a independencia dun medio, o financiamento, son as subscricións a través do papel", explica.

Alberto Mancebo completou a ollada aos medios desde a perspectiva da lingua noutra conferencia na que narrou a súa experiencia primeiro como neno que medrou vendo o Xabarín Club -o programa infantil emitido nas tardes da TVG que foi todo un referente para cativos e adolescentes que medraron entre finais dos anos 80 e a década dos noventa- e desde comezos do novo século como reporteiro da CRTVG.

"A canción do Xabarín Club foi o himno dos galegos que nacemos a partir dos anos 80. Este programa fixo máis polo galego normativo entre os nenos que ningunha política lingüística", subliñou Alberto Mancebo. Hoxe, a voz daquel cativo fascinado con este espazo é unha referencia do bo galego na radiotelevisión galega, un modelo que emprega Xosé Luís Regueira para o seu alumnado de Xornalismo, explicou na presentación do relatorio o propio académico, codirector dos cursos "Galego sen fronteiras" e profesor da USC. O xornalista aprendeuno de forma natural, como a lingua materna que lle transmitiron no seu Vimianzo natal, e tamén de xeito regrado no ensino. Pero cando a CRTVG naceu, en xullo de 1985, fíxoo contando con moitos xornalistas que estudaran a carreira fóra de Galicia e que non se formaran en galego. "De repente, tiñan que falar e escribir en galego, e aí foi fundamental o traballo dos lingüistas que desembarcaron na CRTVG para axudar os xornalistas e que se adecuaran á norma estándar", contou.

Outro fito para os medios galegos foi a creación, en 1993, da titulación de Xornalismo na USC, que garantiu unha formación especializada en lingua galega para os profesionais do gremio. Pero, aínda así, o papel dos lingüistas nas redaccións segue a ser necesario. "Seguen convivindo na CRTVG cos xornalistas, pero cada vez son menos, fan falta máis na redacción. En vacacións ás veces déixannos sen eles e entramos en pánico, porque aínda non estamos formados suficientemente no galego normativo e estamos invadidos da presión do castelán. Eles son como os anxos da garda do galego normativo dentro da redacción", valora o xornalista, especialmente preocupado pola crecente contaminación fonética do español na expresión oral en galego.

Alberto Mancebo referiuse tamén á diglosia á que se enfrontan os reporteiros da CRTVG cando saen á rúa a cubriren a actualidade e atopan persoas que se expresan perfectamente en galego pero que se pasan ao castelán no momento en que se acenden o micrófono e a cámara. Outros comentarios habituais que escoitan, os de galegofalantes plenamente competentes que pensan que non o son, denotan a confusión que existe sobre o que é a norma estándar. "Dóeme chegar a unha zona rural e que me digan que non saben falar o galego, o galego que falamos na TVG. Pero se é grazas a persoas coma estas que o galego está vivo!", expresou.

Outro dos temas abordados na intervención de Alberto Mancebo foi a ausencia na gheada e o seseo nas locucións dos xornalistas dos medios públicos de Galicia. Sobre este punto, o profesor Xosé Luís Regueira aclarou que o galego estándar só se refire a aspectos ortográficos e morfolóxicos e que a normativa non só non prohibe o seseo e a gheada, senón que, pola contra, o alfabeto fai referencia a estes fenómenos.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 16 de outubro de 2018 / 11:00 h
Entrega dos premios Contádenos o voso Día das Letras
Sábado 20 de outubro de 2018 / 9:30 h
III Xornada de Onomástica Galega: Os alcumes
Mércores 24 de outubro de 2018 / 19:00 h
Presentación do novo número da revista da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán
Martes 27 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Mércores 28 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar