Jose Leite de Vasconcelos na Coruña

A primeiros de setembro de 1902, o eminente filólogo e arqueólogo portugués Jose Leite de Vasconcellos (1858-1941) visitaba a Coruña onde foi recibido e homenaxeado polos membros da Cova Céltica.
Jose Leite de Vasconcelos.
Jose Leite de Vasconcelos.


Segundo informa o número 390 da Revista Gallega, do 7 de setembro de 1902, que se pode consultar aquí, o eminente lingüista portugués atopábase daquela na cidade herculina procurando "apuntes que lle servirán para escribir unha estensa obra sobre dos usos, costumes e lenguaxe de Galicia, rexión que é ouxeto da predileución do noso sabio amigo".

A "estensa obra" sobre a lingua galega á que fai referencia o artigo pode tratarse quer de Estudos de philologia gallega, publicada en 1902, quer de Miuçalhas gallegas, de 1907, pois a temática galega, como ben sinala o redactor da nova, era da súa predileución. A visita, planificada para un día, estendeuse dúas xornadas máis durante as cales Leite de Vasconcelos recibiu a homenaxe de boa parte da intelectualidade rexionalista da época residente na Coruña, como Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Martínez Salazar, Lugrís Freire, Florencio Vaamonde, Uxío Carré Aldao, Francisco Tettamancy e Galo Salinas, todos eles, agás este último, futuros membros fundadores da Academia.

Con ocasión da súa visita, Leite de Vasconcelos compuxo o soneto titulado "Galicia" que reproducimos máis abaixo.

GALICIA
GALICIA, terra irman de PORTUGAL,
onde voan os mesmos paxariños,
E as mesmas froles bordan os camiños,
E as mesmas almas ten o mesmo ideal;

Lindo berce de Curros e Pondal,
-U, que escoita os murmulos dos airiñosxxxx,
Otro, que abrindo vellos pergamiños,
Canta as grorias duún pobo colosal-:

Eu te saudo! E chamome feliz,
Pois hoxe, preto d'estes bos amigos,
Bebin en paz dous gotos de Xerez…

Soño da veira-mar, verde país,
Poida eu por lonxe andar sen correr p'rigos,
Para acóte vir saudar mais unha vez!

A Cruña, Setembro 2 de 1902.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete