Inauguración da XXVIII edición dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”

A XXVIII Edición dos Cursos de lingua e culturas galegas "Galego sen fronteiras" acolle alumnado procedente de dezaseis países que, desde o 2 de xullo e ata o día 24, recibirá formación teórica e práctica e desenvolverá un intenso programa de actividades complementarias.

Na sesión de apertura, que tivo lugar no salón de actos na Facultade de Filosofía da USC, participaron Ana I. Boullón, secretaria dos Cursos; Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega e director dos cursos; Ernesto González Seoane, director do Instituto da Lingua Galega; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; José Pereira Fariña, vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, e o presidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero. Asistiron ademais os académicos de número Rosario Álvarez, Manuel González, Ramón Lorenzo, Xosé Luís Regueira, así como a maior parte do alumnado.

Henrique Monteagudo explicou brevemente o programa dos cursos e as actividades complementarias previstas das que salientou as visitas programadas á Real Academia Galega, ao Museo do Pobo Galego ou á Fundación Rosalía de Castro. Destacou tamén a importante contribución que desde a primeira edición, no ano 1988, supoñen os Cursos para o estudo e a investigación sobre a cultura galega en todo o mundo.

O alumnado procedente de distintos puntos de España, Alemaña, Arxentina, Brasil, Canadá, Estados Unidos, Francia, Hungría, Italia, Marrocos, Reino Unido, Romanía, Rusia, Polonia, Portugal, Suíza desenvolverá durante o curso unha intensa actividade lectiva e cultural que lles fornecerá un coñecemento amplo non só da lingua galega senón tamén da cultura e da sociedade galega dos nosos días.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 5 de decembro de 2019 / 19:00 h
Charla de Toponimízate - Casa da cultura de Noia
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete