Homenaxe ao profesor Alonso Montero

Persoeiros do mundo da cultura, antigos alumnos, amizades e persoas admiradoras da súa traxectoria rendéronlle homenaxe o pasado sábado a Xesús Alonso Montero en Vigo co gallo do seu 90 aniversario. Escritor, estudoso da literatura galega, filólogo introdutor dos primeiros traballos da sociolingüística en Galicia, articulista, activista político e home comprometido... O académico destacou nestes e outros perfís desde novo, pero no seu discurso o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, quixo retratalo desde "a súa primeira e máis grande condición, a que alumea as outras todas: a de profesor".

Un momento da homenaxe a Xesús Alonso Montero co gallo do seu 90 aniversario. Imaxe: TVG


O acto, organizado pola Fundación Premios da Crítica e conducido por Bieito Ledo, contou coa colaboración das tres universidades, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega, institución á que Xesús Alonso Montero pertence desde 1993 e que presidiu entre 2013 e 2017. "A través da palabra, coa ferramenta da palabra e os textos, fiel á súa condición de "filólogo" (o que ama o logos, a razón, o discurso do entendemento) Xesús Alonso Montero desenvolveu durante non menos de seis décadas ese labor intenso e apaixoado de axudar a descubrir a luz, axudar a abrir os ollos, poñendo o foco contra a realidade, contra os aspectos inxustos da realidade que, como seres humanos, debemos axudar a transformar; todo sen renunciar ao seu país, á lingua do seu país, das súas raíces, dos seus antergos, os valores desta terra, Galicia, que é a súa, na que como ser humano e cidadán exerce", expresou Víctor F. Freixanes.

A celebración no auditorio de Afundación de Vigo rematou coa proxección dun documental de Xan Leira Cidadán Alonso Montero, o mestre das palabras e continuou cun xantar de irmandade.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 5 de decembro de 2019 / 19:00 h
Charla de Toponimízate - Casa da cultura de Noia
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete