Henrique Monteagudo aborda a realidade das linguas minoritarias peninsulares no ciclo virtual internacional da Abralin

O confinamento por mor do coronavirus non parou a reflexión académica. O obrigado afastamento social está a ser afrontado con iniciativas telemáticas, algunhas delas con gran repercusión internacional. É o caso do programa posto en marcha pola Associação Brasileira de Linguística (Abralin), inaugurado o pasado mes de maio por Noam Chomsky, pai da lingüística moderna. O ciclo, que ofrece tres relatorios ao día con especialistas de todo o mundo, contou o pasado venres coa participación de Henrique Monteagudo. O coordinador do Seminario de Sociolingüística e secretario da Real Academia Galega repasou a situación do galego e das demais linguas minoritarias da península Ibérica nunha conferencia seguida en directo por público de distintos países.

Henrique Monteagudo presentou o panorama das linguas minoritarias da península Ibérica, os problemas que afrontan e a súa abordaxe nunha intervención que pode verse nesta ligazón. A linguaxe en tempos de illamento, a semiótica da corentena, por que o humor interesa aos lingüistas, a orixe da linguaxe, as linguas indíxenas ou o racismo epistemolóxico e os estudos lingüísticos son só algúns dos temas que se abordarán no programa de Abralin ao vivo ata o 30 de xullo.

A Associação Brasileira de Linguística organiza esta iniciativa en colaboración co Comité International Permanent des Linguistes, a Asociación de Lingüística y Filología de América Latina, a Sociedad Argentina de Estudios Lingüísticos, a Associação de Linguística Aplicada do Brasil, a Association Internationale de Linguistique Appliquée, a Linguistic Society of America, a Linguistics Association of Great Britain, a Societas Linguistica Europaea, a Australian Linguistic Society e a British Association for Applied Linguistics.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete