Simposio Carballo Calero

Xoves, 22 de outubro de 2020 - 19:00 horas

Ver emisión
en directo

Discursos da RAG para Rosalía

A historia do rosalianismo inclúe diversos discursos de ingreso na Real Academia Galega. O do protagonista do Día das Letras Galegas 2020, Ricardo Carballo [Carvalho] Calero, é un deles. Pronunciouno no pazo de María Pita (A Coruña) –que daquela acollía a institución– o 17 de maio de 1958, xusto cinco anos antes de que a Academia homenaxease a Rosalía de Castro en 1963 co primeiro Día das Letras Galegas, cadrando co centenario da publicación dos seus Cantares gallegos. Pero tamén Ramón Otero Pedrayo, Luz Pozo Garza, Bernardino Graña, Arcadio López-Casanova, Marina Mayoral ou Basilio Losada lembraron na súa entrada na RAG a autora fundacional das letras galegas contemporáneas, nada en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837. Todos estes textos e outras alocucións dedicadas a ela e pronunciadas en cerimonias similares están dispoñibles en versión dixital de acceso libre na sección de discursos da sección de publicacións desta web.
Rosalía de Castro. Arquivo RAG

Xesús Alonso Montero advertía no limiar de Rosalía de Castro na Real Academia Galega(Fundación Rosalía de Castro, 2006) que non se pode facer historia do rosalianismo sen termos en conta certos discursos de ingreso na RAG. Entre os capítulos fundamentais da crítica rosaliana que existían ata a saída do prelo deste volume, editado co gallo do centenario da institución, cumpría salientar para o académico tres: o pronunciado en 1929 por Otero Pedrayo, Romantismo, saudade, sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal, "modelo de interpretación conmovedora"; o de Carballo Calero, Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía, lido en 1958 e "modelo de erudición esclarecedora"; e Diálogos con Rosalía, de Luz Pozo Garza, que ingresou na Academia en 1996 cun "singular ensaio poético no que a autora se nos revela como unha gran rosalióloga".

Sobre a autora versa tamén o discurso da académica electa Francisca Herrera Garrido, Rosalía de Castro, que faleceu antes de poder lelo; e o de Victoriano Taibo (1948), Rosalía de Castro, precursora da fala.

Xa no século XXI, Bernardino Graña converteuse en membro de número da institución en 2010 co discurso titulado Contos populares e Rosalía; e os académicos de honra Arcadio López-Casanova, Basilio Losada e Marina Mayoral tamén lle renderon tributo á autora nas súas respectivas alocucións de ingreso na RAG, A modernidade poética de Rosalía: unha interpretación (2013), Reflexións sobre as primeiras novelas de Rosalía de Castro (2015) e Por que Murguía destruíu as cartas de Rosalía? (2017), respectivamente.

As referencias a Rosalía son ademais abondosas noutras intervencións deste tipo ao longo da historia da Academia, desde A saudade nos poetas galegos, de Ramón Cabanillas (1920), ata A boca da literatura. Memoria, ecoloxía, lingua, de Manuel Rivas (2009), Viaxe á semente: dende os refachos do corazón ata onde habita o imaxinario, de Fina Casalderrey (2013), ou Voces termando da paisaxe galega, de Marilar Aleixandre (2017).

En palabras da académica correspondente Helena Villar Janeiro no epílogo de Rosalía de Castro na Real Academia Galega, "non é de estrañar que os membros da Real Academia Galega se preocupasen da Rosalía de Castro creadora no xénero máis sublime no que pode expresarse o ser humano, no uso da palabra máis libre e reveladora".

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 29 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo
Carvalho Calero - Ideas e achegas ao idioma
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete