Declaración da Academia sobre a sentenza do Tribunal Supremo

A seguir, reproducimos a declaración da Real Academia Galega sobre a sentenza do Tribunal Supremo verbo do recurso de casación contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüísmo no Ensino non universitario de Galicia.
Logo da RAG


Con data de 26 de marzo de 2015, a Real Academia Galega recibiu comunicación da sentenza do Tribunal Supremo sobre o recurso de casación interposto por esta institución contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia verbo do Decreto 79/2010, do 20 de maio, da Xunta de Galicia, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Perante a dita sentenza do Tribunal Supremo, que é en boa parte desestimatoria do recurso de casación interposto pola RAG, esta institución desexa facer chegar á opinión pública as seguintes consideracións:

1.- O Estatutos da Real Academia Galega, aprobados por Real Decreto 271/2000 de 25 de febreiro, establecen no artigo 1º que "é unha institución científica que ten como obxectivo fundamental o estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego". No artigo 2º, entre as finalidades desta institución, os ditos estatutos sinalan as seguintes: "Velar polos dereitos do idioma galego", "Defender e promover o idioma galego", "Asesorar os poderes públicos e institucións sobre temas relacionados co uso correcto da lingua e coa súa promoción social". Á vista disto, no seu día a Academia considerou a súa obriga recorrer o devandito Decreto ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e, posteriormente interpor recurso de casación perante o Tribunal Supremo, por entender que na tramitación dese decreto a RAG non fora debidamente consultada e, moi especialmente, que as diposicións básicas deste Decreto resultaban contraditorias co Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística, a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias e o conxunto da lexislación que ampara os dereitos das persoas galego-falantes e obriga á Xunta de Galicia á potenciación do idioma propio de Galicia.

2.- A Real Academia Galega respecta e acata a sentenza do Tribunal Supremo; ao mesmo tempo, sen entrar nunha análise da argumentación xurídica desta (que fará no seu momento) non pode deixar de sinalar que nela se conteñen opinións discutibles e consideracións de feito infundadas, a contrafío de diversos estudos académicos, ditames institucionais e informes expertos de carácter oficial. En todo caso, con independencia das consideracións xurídicas, a RAG reafírmase nas súas conviccións de que a normalización do noso idioma é un obxectivo irrenunciable da sociedade galega e de que a Xunta de Galicia está moral e legalmente obrigada a tomar medidas positivas para conseguila. Na liña de anteriores declaracións, e particularmente da aprobada no pasado mes de xaneiro, a Real Academia Galega insta novamente á Xunta de Galicia e ofrece a súa leal colaboración para poñer en marcha iniciativas de alcance real cara a ese obxectivo.

A Coruña, 27 de marzo, 2015

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete