Da orixe á consolidación dos símbolos de Galicia

As orixes e o proceso de consolidación dos símbolos galegos centraron a conferencia inaugural que pronunciou hoxe nos Cursos de lingua e cultura galegas o académico Ramón Villares. Galicia non foi allea á produción de símbolos nacionais que se deu desde finais do século XX, pero como nación sen estado esta non tivo apoio institucional. Contou, iso si, cunha achega fundamental procedente das colectividades da emigración en América. "Aquelas poboacións de orixe galega organizadas en entidades societarias na emigración foron capaces de apoiar, e mesmo pagar, as propostas feitas na metrópole de Galicia, ata o punto de que os dous símbolos fundamentais, o Himno e a bandeira, foron creados aquí pero estreados primeiro e asumidos como tal en América", explicou ao alumnado.

Ramón Villares durante o relatorio. Fonte: RAG


O académico e codirector dos cursos Henrique Monteagudo foi o encargado de presentar aos estudantes, procedentes de catro continentes, o relator, catedrático de Historia Contemporánea da USC. Ramón Villares é especialista en historia agraria, o eido no que primeiro profundou como historiador, mais tamén é un referente na historia cultural e nos estudos migratorios de Galicia, salientou Henrique Monteagudo. Nestes dous campos móvese a historia dos símbolos do país, creados de forma coetánea á rexistrada en moitas outras nacións sen estado, entre elas Cataluña e Euskadi.

Os símbolos nacionais, entre os que destacan os himnos e as bandeiras, xurdiron como unha maneira de representar a nación mediante "mecanismos simples, fáciles de percibir e de ser asumidos como propios", definen dun modo rápido o que é unha comunidade e funcionan como xeito de unila a través dos afectos. No caso de Galicia, o rexionalismo cultural de finais do século XIX tivo unha importancia decisiva na súa configuración.

O Himno, recordou Ramón Villares, é froito dun dos concursos que proliferaron naquela época para dotar a Galicia dunha marcha rexional, en concreto do convocado polo músico Pascual Veiga, quen lle encargou a Eduardo Pondal os versos que debían acompañar a música gañadora. Finalmente, o poema pondaliano "Os Pinos" soaría cunha partitura do propio Veiga, pero o resultado tardaría en ser asumido como Himno de Galicia.

Aínda que se pensa que foi cantado antes en Madrid e Santiago de Compostela, o Himno foi estreado oficialmente en 1907 no Centro Galego da Habana. Aquela presentación marcou o inicio da súa consolidación, na que foi clave, xa de volta en Galicia, o papel das Irmandades da Fala, que o incorporaron aos seus actos públicos, e o das sociedades corais creadas nas primeiras décadas dos século XX, que o introduciron no seu repertorio, explicou o historiador. Durante a ditadura foi cantado moitas veces de forma clandestina, e mantido tamén no exilio político, ata que finalmente a Lei de símbolos de Galicia o oficializou en 1984 xunto á bandeira. Pero antes de adquirir este rango oficial, os símbolos xogaron o seu papel político en Galicia, valorou o profesor Villares porque, ao seu xuízo, o feito de que Galicia tivese xa estes elementos de autoidentificación propios "foi positivo" para lograr que o país fose recoñecido como nacionalidade histórica.

Os Cursos de lingua e cultura galegas -organizados pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela coa colaboración da Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística- xuntan nesta XXXI edición un total de 75 alumnas e alumnos procedentes de vinte e catro países de Europa, América, África e Asia, e varias comunidades autónomas.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar