"Como tradutora, María Victoria Moreno sempre se preocupou moito por conservar a esencia do orixinal"

María Victoria Moreno é autora de títulos destacados da literatura infantil e xuvenil (LIX) galega, pero a súa produción como escritora non foi a única achega que fixo á consolidación das nosas letras para o público miúdo. A protagonista do Día das Letras Galegas 2018 foi tamén editora e tradutora. Esta última faceta, ata o momento apenas estudada, foi analizada pola tradutora e docente de Lingua Galega e Literatura Sabela Bará. A investigadora salienta que este labor non foi buscado pola autora como unha vía profesional, senón como unha contribución máis ao desenvolvemento deste xénero en tempos nos que aínda era considerado menor. Pero "como tradutora, sempre se preocupou moito por conservar a esencia do orixinal".

Sabela Bará no congreso da AIEG


A primeira achega de María Victoria Moreno á tradución do sistema literario galego a outra lingua foi a súa edición da antoloxía Os novísimos da poesía galega / Los novísimos de la poesía galega (Akal, 1973), publicada o mesmo ano en que saíu á luz o seu primeiro libro, Mar adiante. Malia este debut, o groso do seu traballo como tradutora centrouse no mesmo campo que escolleu como escritora, o da LIX. Ela mesma verteu ao castelán e ao catalán títulos propios e, alén da escolma poética das novas voces de comezos dos anos 70, tamén achegou a outros idiomas tres obras de autoría galega e levou á nosa lingua e ao castelán oito libros máis escritos orixinalmente en catalán, castelán, portugués ou francés, segundo a recompilación realizada por Sabela Bará, que presentou o seu traballo no XII congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que se celebra esta semana na Universidad Complutense de Madrid.

A pesar do interese en que a súa obra se proxectase fóra de Galicia, Sabela Bará considera que María Victoria Moreno non foi traducida tanto como se podería porque se desenvolveu fundamentalmente nun período no que "non existía planificación" neste eido, unha eiva que para a investigadora da Universidade de Vigo explica tamén as achegas da escritora como tradutora. "As traducións levábanse a cabo moitas veces de xeito altruísta e a miúdo eran os propios autores os que se autotraducían. Ela tamén traduciu obras súas e doutros, non porque quixese dedicarse profesionalmente á tradución, senón porque estaba implicada no intento de crear un corpus de literatura infantil e xuvenil en galego", concreta. En calquera caso, sempre se amosou "moi implicada no proceso de tradución, e moi preocupada por conservar a esencia do texto orixinal".

Con todo, "máis que autotraducirse, María Victoria Moreno foi traducida" e viu publicada en vida boa parte da súa obra nas distintas linguas peninsulares do Estado. En calquera caso, ela mesma levou seis títulos propios ao castelán ou o catalán. "Como editora, tivo moito contacto con Cataluña, un fluxo editorial ademais facilitado polo dominio do catalán que adquiriu na súa etapa de estudante de bacharelato en Barcelona". Os títulos autotraducidos son A brétema, A festa no faiado, O cataventos, Nico e Miños, Un cachiño de bica? e Anagnórise, parte deles tamén traducidos por outras persoas. Hai que ter en conta ademais Leonardo e os fontaneiros, no que figurou como tradutora a súa filla, Begoña Llácer Moreno, se ben foi un traballo compartido entre nai e filla, aclara Sabela Bará, que contou coa colaboración da familia e amizades de María Victoria Moreno na realización deste estudo.

A vontade da familia e do seu colega Xavier Senín foi tamén clave na publicación póstuma de Onde o aire non era brisa (2009), a versión en galego da primeira novela escrita, nos anos 60, por María Victoria Moreno, antes de que se instalase definitivamente na lingua da súa terra de acollida. Outros relatos de mocidade e un ensaio que reivindica o papel das mulleres na literatura, escritos orixinalmente en castelán, foron tamén publicados no idioma que ela fixo seu en Nosoutras (2018).

'Mecanoscrito da segunda orixe' e outras obras alleas
O que máis traduciu María Victoria Moreno foron obras alleas, unha ducia en total. Todas elas, agás Os novísimos da poesía galega, títulos de LIX, e todas desenvoltas entre 1983 e 1995, "un período limitado, supoño que pola falta de tempo, pero con moita implicación". A primeira tradución para o público infantoxuvenil da escritora foi para trasladar ao castelán O can Rin e o Lobo Crispín de Carlos Casares (1983), dentro da colección A Chalupa, na que -en Galicia da man de Galaxia- se adoitaban publicar os títulos en todas as linguas cooficiais. Neste mesmo selo traduciu tamén ao castelán O día que choveu de noite de Helena Villar Janeiro, O pintor do vento de Xesús Pisón e autotraduciu A festa no faiado.

Xunto a estas achegas para proxectar a literatura galega fóra de Galicia, figuran as traducións ao galego desde o catalán realizadas para a colección que codirixía naquel momento, a Árbore de Galaxia, de O voo de Inés de María de la Luz Uribe (1984), Isto que ves é o mar de Gabriel Janer Manila (1989), Os ollos do dragón de Maria Àngels Gardella (1989) e Mecanoscrito da segunda orixe (1989) de Manuel de Pedrolo, "das alleas, quizais a súa tradución máis coñecida e que a que gozou de máis coñecemento".

Como tradutora tamén demostrou o dominio doutras linguas romances como o francés e o portugués vertendo ao castelán Il fera bo demain (1986) de Luce Fillol e Dous idiotas sentados cada qual no seu barril (1986) de Ruth Rocha.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 12 de decembro de 2018 / 16:00 h
Santiago: Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega
Mércores 12 de decembro de 2018 / 18:00 h
Ponteceso - Fundación Eduardo Pondal: Charla da campaña 'Toponimízate'
Xoves 13 de decembro de 2018 / 19:30 h
Muros - Aula Cemit: Charla da campaña 'Toponimízate'
Venres 14 de decembro de 2018 / 12:00 h
Xinzo de Limia - IES Lagoa de Antela: Charla da campaña 'Toponimízate'
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - CPI Julia Becerra Malvar: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar