"Coas Irmandades deuse o salto da prensa reprodutora á prensa mediadora"

A relación entre as Irmandades da Fala e a prensa centrou, da man de catro xornalistas, a segunda mesa de debate do ciclo organizado pola Real Academia Galega para conmemorar o centenario deste movemento. A académica Margarita Ledo, Xan Carballa e Carme Vidal profundaron no tema desde diferentes perspectivas no encontro, celebrado o 19 de xullo no Museo do Pobo Galego. "O espírito das Irmandades da Fala é o espírito da modernidade que inaugura o novo século. Supón un salto cualitativo importante a prol do idioma, sen renunciar á tradición, que tamén se manifesta nas empresas de comunicación", sintetizou o académico Víctor F. Freixanes, que actuou como moderador.

Pola esquerda, Xan Carballa, Margarita Ledo, Carme Vidal e Víctor F. Freixanes nun momento da mesa de debate. Autor: RAG


Freixanes recordou que as Irmandades da Fala foron conscientes de que a estratexia de comunicación para espallaren o seu ideario requería da prensa, pero tamén de máis medios. O teatro, as agrupacións corais ou, máis adiante, a radio foron así outros instrumentos que empregaron para sensibilizar a sociedade, alén dos sectores máis cultos, ante o seu discurso, apuntou.

Xan Carballa, redactor d'A Nosa Terra refundada no ano 1977, abordou na súa intervención, titulada A prensa, escaparate das Irmandades, o uso que os "irmáns" fixeron tanto do seu voceiro oficial, A Nosa Terra, como doutras cabeceiras afíns. Un destes medios foi o diario Galicia (1922-1926), fundado por Valentín Paz Andrade, a quen Carballa entrevistou con Gustavo Luca de Tena un ano antes do seu pasamento en 1987. "Naquela entrevista Valentín Paz Andrade contounos a aventura do Galicia e a teima constante das Irmandades, e da xente e do movemento que se xerou arredor deles, de ter presenza nos medios, de ter medios que eles controlaran directamente", rememorou Carballa, quen salientou a importancia dos "xornalistas motor deste pensamento", en referencia ao propio Paz Andrade, Antón Villar Ponte e Roberto Blanco Torres, paseado o 3 de outubro de 1936. "Neles tres mestúrase o xornalista e o político".

Outro medio de comunicación afín ás Irmandades e ao Partido Galeguista foi El Pueblo Gallego, gran defensor do Estatuto de Galicia, pero para analizar o que foi este movemento non só é preciso deterse nos medios propios, senón tamén na súa presenza "nos medios convencionais", continuou Carballa. Castelao colaborou, de feito, con xornais como Faro de Vigo, facendo un uso maxistral da caricatura, que conseguiu popularizar coa linguaxe do común mensaxes moi críticas.

Carme Vidal, tamén xornalista d'A Nosa Terra na súa última etapa, abordou a presenza das mulleres e do discurso da igualdade de xénero no tempo das Irmandades nesta publicación. Malia o recoñecemento da I Asemblea Nacionalista de Lugo (1918) da "igualdade de direitos pr-a muller", a pegada feminina no ámbito público que se constata nas páxinas do periódico foi minoritaria. Así e todo, A Nosa Terra "permite albiscar a incipiente aparición das xornalistas, de mulleres que teñen vontade de tomar parte doutra maneira de escribir nas páxinas periódicas impresas, de xeito especial de partillar do xornalismo de opinión que se impuña no voceiro das Irmandades", destacou Vidal.

Filomena Dato e Francisca Herrera Garrido figuran na listaxe de "redautores e colaboradores" publicada no primeiro número, mais da primeira non se atopan máis rexistros que a homenaxe que se lle rendeu polo seu pasamento e da segunda, varios poemas. Caso diferente é o de Mercedes Vieito, que en maio de 1918 asinou desde A Habana Os irmáns da Fala, ou de Corona González, que envía colaboracións desde París ou Londres. Esta última é autora do artigo Prós pais que tein fillas, un dos textos máis coñecidos da autora "e pioneiro na demanda expresa de igualdade de dereitos para as mulleres". Pasado o tempo, Corona González virou ideoloxicamente e aliouse co réxime ditatorial, recordou Carme Vidal, que tamén recuperou as pezas xornalísticas da coruñesa María Luz Morales, "pioneira no oficio de xornalista, inauguradora de xéneros e a primeira muller que dirixe un xornal diario no Estado español", ao se poñer á fronte da La Vanguardia de Barcelona no seu período máis difícil de xullo de 1936 a febreiro de 1937, por decisión dun comité de traballadores.

A académica Margarita Ledo, directora d'A Nosa Terra entre 1977 e 1980 e catedrática de Comunicación Audiovisual, pechou a quenda de relatorios con Pensar un modelo de comunicación, traballo centrado tamén no voceiro das Irmandades, o periódico "que mellor representa" ese novo modelo, en contraposición co dominante na prensa do momento e que supón un "cambio cualitativo esencial": "a prensa enténdese como mediadora, non como reprodutora, mediadora para o desenvolvemento da conciencia cidadá e que, polo tanto, ten que funcionar como un elemento para saber que temos dereitos, e saber que os dereitos teñen territorios e precisan recursos".

No tempo das Irmandades, apuntou tamén Ledo, comézase ademais a identificar unha profesión, a de xornalista, á que se lle reclama un código deontolóxico e un compromiso que neste caso pasa pola fala. O periódico pénsase ademais en maior medida desde o punto de vista da presentación formal, ordénanse os contidos por seccións; aínda que con poucas fotografías, é importante nas súas páxinas a entrada da imaxe coas súas variacións, coincidindo coa súa entrada no resto da gran prensa; publica por primeira vez clásicos universais traducidos ao galego etc. "Foi unha publicación con vocación de contemporaneidade, que soubo diferenciarse a través do que a podía diferenciar dos outros produtos do universo da prensa: nos contidos, na linguaxe e na iniciativa de se converter máis tarde en periódico orgánico do galeguismo, cunha función instrumental de influír politicamente no seu contorno (...). Ten a marca da boa prensa que crea opinión, que persuade e que quere seducir", concluíu Ledo.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 8 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Ricardo Carballo Calero no seu tempo
Xoves 15 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Estudos sobre literatura
Xoves 22 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Creación literaria
Xoves 29 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Ideas e achegas ao idioma
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete