Charla sobre Eladio Oviedo e outros académicos con raíces en Noia

Eladio Oviedo Arce (Noia, 1864-1918) foi un dos membros fundadores da Real Academia Galega, e tamén un dos académicos con raíces en Noia. Estas orixes foron o fío condutor da charla ofrecida onte polo secretario da RAG, Henrique Monteagudo, na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos, unha intervención na que abordou as contribucións de distintos membros da Academia vinculados á vila.

Henrique Monteagudo, no centro, acompañado durante a charla do sobriño neto de Eladio Oviedo Arce, Juan Ramón López Oviedo, e do concelleiro de Cultura de Noia, José Pérez


A charla, enmarcada nas celebracións do 850 aniversario da fundación de Noia, detívose especialmente nas achegas de Eladio Oviedo Arce, cadrando co centenario do seu pasamento na mesma vila onde nacera. Entre elas, Henrique Monteagudo subliñou o estudo que realizou sobre o pergamiño Vindel pouco despois da súa descuberta. Eladio Oviedo Arce foi, de feito, o primeiro galego, coa colaboración do académico correspondente Santiago Tafall Abad, que estudou seriamente este documento. A súa interpretación e crítica do texto foi de moita importancia no seu momento e apareceu publicada entre 1916 e 1917 no Boletín da Real Academia Galega, unha publicación onde tamén viron a luz outros artigos do escritor e relixioso.

Lisardo Rodríguez Barreiro (Noia, 1862 - Vilagarcía, 1943), elixido académico correspondente en 1905 e numerario en 1939; Manuel Fabeiro Gómez (Muros, 1916 - Noia, 1992), elixido correspondente en 1950; Alejandro Rodríguez Cadarso (Noia, 1887 - 1933), que foi proposto como numerario en 1933 pero que non chegou a ingresar como académico ao falecer antes; ou Álvaro de las Casas (Ourense, 1901 - Barcelona, 1950), profesor de Xeografía e Historia no instituto de Noia entre 1930 e 1936, foron algúns dos académicos históricos relacionados con Noia dos que falou Henrique Monteagudo, que tamén se referiu á académica electa Ana Romaní (Noia, 1962), quen tomará posesión do seu cargo proximamente.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 28 de xuño de 2018 / 19:30 h
Presentación - concerto: 'Padre Manuel Feijoo. Música da nosa terra'

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 377

Boletín da Real Academia Galega
nº 377

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 36

Descargar