"As novas tecnoloxías da comunicación son unha oportunidade para a lingua que non deberiamos desaproveitar"

A globalización non é un fenómeno contemporáneo, pero as tecnoloxías da comunicación que emerxeron nas derradeiras décadas do século XX, e en especial a aparición de Internet, "inauguraron unha maneira de ser e estar no mundo, unha nova forma de civilización". O novo paradigma presenta desafíos de futuro que entrañan riscos, mais tamén poden resultar positivos para a lingua galega "se os sabemos aproveitar", salientou hoxe o presidente da Real Academia Galega na inauguración do XII congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), onde se presentarán ata o 15 de setembro traballos de preto de 200 investigadores de todo o mundo. "É responsabilidade nosa, e dos que deseñan a nosa política lingüística e cultural, aproveitar este momento histórico", sinalou.

Tras a inauguración na Casa de Galicia de Madrid, o encontro da AIEG desenvólvese na Universidade Complutense, cuxo Centro de Estudos Galegos dirixe a presidenta da asociación, Carmen Mejía. O congreso celébrase baixo o título "Novos horizontes para unha Galicia global: redes, territorio e memoria", tres eixes que tamén vertebraron o discurso do responsable da Academia. Víctor F. Freixanes defendeu a necesidade de estender a visión do idioma propio como valor social e patrimonio común, para o que cómpre valerse tamén, insisitiu, das propias tecnoloxías da información e a comunicación, que abren un horizonte cheo de problemas, pero tamén de ocasións das que se pode tirar beneficio. "Non se trata de ser apocalípticos. Hai unha frase do sociólogo norteamericano Neil Postman que sempre repito: as sociedades, as culturas, están obrigadas a pactar historicamente coas tecnoloxías que impoñen os tempos, e as que non pactan morren".

Pero estamos en condición de obter beneficio deste novo paradigma? O presidente referiuse ao perigo de crearmos unha sociedade instalada na Rede "mais como simples consumidores, non como axentes activos para participar nela". Para evitalo salientou que é preciso "falar de política, porque a cultura e a lingua son feitos sociais e, xa que logo, deben ser abordados con estratexias sociais, políticas", e incrementar o investimento en formación, capital humano e investigación. Fronte á tendencia a uniformalo todo que se deriva da globalización, cunha produción masiva para públicos masivos, defendeu así a aposta pola excelencia. "Se algunha posibilidade temos, e temos moitas, ha de ser sempre dende esta posición: potenciar e coidar o distinto, que é a posición do valor engadido, na economía e nos produtos culturais, que dialogan no mercado a través da economía".

Nesta estratexia de posta en valor do distinto, a lingua "sitúanos no mundo como unha realidade específica, cun discurso específico e con valores que debemos saber potenciar", e ao mesmo tempo "agranda espazos alén do seu propio territorio", abundou. Avogou así por traballar por unha "política de redes" que avive as súas posibilidades de relación con outras realidades sociais e culturais, o que pasa por fomentar as relacións co mundo lusófono e aproveitar tamén "esoutras Galicias espalladas polo mundo, o lobby dos galegos que como tales se recoñecen". "Posto que chegamos ata aquí, vencendo eses desafíos históricos dos que falaba Postman, non imos ser quen de continuar? Neste inmenso territorio aberto, a aldea global que describía McLuhan, as novas tecnoloxías da comunicación constitúen unha oportunidade que non deberiamos desaproveitar", concluíu.

O XII congreso da AIEG ofrece achegas de preto de 200 especialistas consolidados en lingua, cultura e historia de Galicia de distintas partes do mundo xunto a contributos das novas xeracións investigadoras e inclúe estudos interdisciplinares e propostas innovadoras. Alén da conferencia inaugural, a Real Academia Galega tamén participa no programa con dous relatorios, sobre toponimia e sociolingüística, e a coorganización dunha mesa redonda sobre redes. Os estranxeirismos no Dicionario da RAG serán ademais o tema do relatorio que impartirá a profesora da Universidade da Coruña e académica correspondente María Dolores Sánchez Palomino, membro do Seminario de Lexicografía e redactora desta ferramenta.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 16 de novembro de 2018 / 20:00 h
Charla da campaña Toponimízate en Moaña
Mércores 21 de novembro de 2018 / 16:30 h
Charla da campaña Toponimízate en Miño
Venres 23 de novembro de 2018 / 17:30 h
Charla da campaña Toponimízate en Parada de Sil
Martes 27 de novembro de 2018 / 13:00 h
'Toponimízate' chega a Cospeito
Martes 27 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Mércores 28 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Venres 30 de novembro de 2018 / 19:00 h
Charla da campaña Toponimízate en Cariño

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar