As buscas no Dicionario dispáranse no mes de marzo e chegan ás 113.000 diarias

O Dicionario en liña da Real Academia Galega pechou o mes de marzo coa cifra máis elevada de procuras da súa historia, por riba das 113.000 diarias de media. Foron en total 3.503.934, un 42% máis ca no mes previo e un 69% por riba das rexistradas en marzo do ano anterior. A evolución positiva no uso desta ferramenta esencial da lingua galega é constante dende hai anos, reflexo dunha utilidade social que cobrou aínda máis sentido en pleno confinamento. O forte incremento das procuras no mes pasado está claramente asociado á entrada en vigor do decreto de alarma por mor da pandemia da COVID-19, que obrigou o alumnado de todas as etapas a seguir formándose por medios telemáticos a partir do pasado 16 de marzo e a milleiros de persoas a teletraballar.

As 113.000 consultas diarias do Dicionario virtual da RAG representan un aumento por riba do 60% das rexistradas en 2019, cando o exercicio pechou con preto de 26 millóns de buscas que representaban unha media de 70.000 ao día e un 26% máis ca só dous anos antes.

As reunións presenciais das seccións e dos seminarios da Real Academia Galega suspendéronse por mor do estado de alarma, pero a actividade científica da institución prosegue de xeito telemático. Esta mesma semana quedaron visibles no Dicionario os novos lemas e as entradas que foron revisadas e ampliadas polo Seminario de Lexicografía dende o mes de xaneiro. En total, atinxen a máis de 130 voces novas ou actualizadas.

O Dicionario da Real Academia Galega está dispoñible na páxina web da institución e a través do Portal das Palabras, o proxecto de divulgación do noso léxico posto en marcha en colaboración coa Fundación Barrié, que apoia ademais a actualización tecnolóxica do Dicionario e das súas aplicacións para iOs e Android.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete