Antonio Fraguas, a primeira voz da radio en Galicia (e en galego)

¡Quen dera ser nao senlleira / Naquel mar non presentido / Das xa mergulladas terras! Na tarde do 15 de xaneiro de 1933 estes versos da Nao senlleira de Bouza Brey inauguraban a historia da radio en Galicia. O texto, naquela altura aínda inédito, foi o escollido para a ocasión por un profesor auxiliar de Historia na Facultade de Filosofía e Letras de só 27 anos: Antonio Fraguas Fraguas. O etnógrafo e historiador, protagonista do Día das Letras Galegas de 2019, tamén foi o encargado de recitalo. A súa foi a primeira voz que se escoitou nunha emisora galega, Unión Radio Galicia, que empezara a montarse só unhas semanas antes no convento de San Domingos de Bonaval, recorda o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Xosé Ramón Pousa. A colaboración non foi casual: Fraguas era membro do Seminario de Estudos Galegos e un dos promotores da Liga Santiaguesa Pro-Estatuto, impulsora do acordo con Unión Radio para a posta en marcha do novo medio de comunicación. "Foi unha radio creada fundamentalmente para promover o Estatuto de Autonomía", salienta o profesor.
Fraguas, primeiro pola esquerda, co elenco de Vaites... vaites
Fonte: Museo do Pobo Galego

"Para aquela primeira emisión, a Fraguas pedíranlle que dixese o que quixese. Escolleu un texto de Nao senlleira, que aínda estaba en imprenta. Quixo quizais facer un símil entre a navegación das ondas electromagnéticas e o mar, o tema do libro de Bouza Brey", explica Xosé Ramón Pousa. O xuíz poeta tamén formaba parte da Liga Santiaguesa Pro-Estatuto, constituída sobre todo por mozos universitarios como Antonio Fraguas. Esta organización, consciente das posibilidades de difusión do seu ideario que lles brindaba a radiodifusión, xogou un papel fundamental na apertura da emisora de Unión Radio co apoio da propia Universidade e do Concello de Santiago de Compostela, que cedeu as instalacións de San Domingos e os terreos da Almáciga onde se instalou a antena. No convento, décadas despois convertido no Museo do Pobo Galego que dirixiría e presidiría Fraguas, mantivo durante os meses iniciais Radio Galicia o seu primeiro estudio antes de se mudar á praza da Universidade, fronte á actual Facultade de Xeografía e Historia. Desde esta sede continuou a emitir durante décadas, baixo a marca da Cadena Ser a partir de 1940.

Fraguas colaborou coa emisora polo menos nos primeiros meses de vida, ata que se mudou á Estrada para impartir clases de bacharelato no Instituto Subvencionado, e fíxoo fundamentalmente con colaboracións de tipo literario e político, de acordo cos propósitos da intelectualidade que pulara pola súa posta en marcha. "A programación con detalle non se coñece, pero sábese que se fixeron incluso conexións coa emigración en Buenos Aires a través da vía telefónica, algo naquel momento moi complicado tecnicamente", explica Xosé Ramón Pousa.

Da man de Fraguas comezou tamén a colaborar en Unión Radio Galicia Xosé Mosquera, o vello dos contos, quen se fixo cargo dunha serie de programas de divulgación da cultura popular. Os dous, xunto con Conchita Frade e Elena e Dolores Sanluis, gravarían ademais Vaites... vaites!, unha peza cómica que fora premiada no certame de obras de teatro que convocaran as Irmandades da Fala de Betanzos. Estas e outras achegas de galeguistas conseguiron que a lingua do país estivese presente nos albores da radio en Galicia, un avance que se vería frustrado nestes e noutros medios de comunicación tras a guerra civil.

Radio Galicia herdou a matrícula EAJ-4 e os equipos da desaparecida Radio Castilla, a cuarta emisora aberta en España. Esta só emitira uns poucos meses tras ser creada en 1925 por Antonio Castilla, un enxeñeiro que se dedicaba á fabricación de equipos de radio. A consecución deste indicativo permitiu acelerar a apertura da primeira radio galega cando a finais de 1932 o Goberno da II República autorizou a posta en marcha de emisoras locais. "Tiña pouca potencia, pero como en Galicia non estaba emitindo ningunha outra emisora escoitábase en practicamente todos os lados, tiña un alcance moi superior ao que tería hoxe porque non había saturación electromagnética", indica Xosé Ramón Pousa.

O decano tivo oportunidade de escoitar por boca do propio Fraguas as lembranzas daquela experiencia radiofónica pioneira. Foi nos anos 90, cando o convidou a relatalas ante os micrófonos de Antena 3 Radio en Santiago, da que era director. "Estaba a preparar a miña tese [sobre a radio en Galicia] e quería que Fraguas falara desa historia, da que nunca falara publicamente. Preparei a entrevista co locutor que levaba o programa naquel momento, Luis Bello, e emitiuse en directo". Por desgraza non se sabe a onde foi parar a gravación daquela conversa, como tampouco chegou ata hoxe rexistro ningún do recitado de Nao senlleira na histórica tarde de xaneiro de 1933: queda para a imaxinación escoitar a voz de Fraguas dicindo ¡Quen dera ser nao senlleira / Naquel mar non presentido / Das xa mergulladas terras! Sen ceos, sen astros, sen vento, /Sempre á toa polas ondas / Deitado no esquecemento, / nin andar nin desandar, /nin ter outro coido acedo /que deixarse ir polo mar...

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Luns 27 de maio de 2019 / 18:00 h
Entrega dos premios do II Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal

Novas da Academia

Subscríbete