Antón Santamarina e Ramón Villares, premios da Cultura Galega 2018

Os académicos Antón Santamarina e Ramón Villares son os gañadores dos Premios da Cultura Galega nas modalidades de lingua e acción exterior, respectivamente. Así o deu a coñecer onte á tarde o xurado, que tamén premiou a Xosé María Álvarez Cáccamo, Luz Darriba, o Festival Internacional Outono de Teatro-FIOT, A Roda, o Festival de Cans e O Sorriso de Daniel nas modalidades de letras, artes plásticas, artes escénicas, música, audiovisual e patrimonio cultural.

Pola esquerda, Antón Santamarina e Ramón Villares. Autor: X. Castro / RAG


O xurado salientou de Antón Santamarina (A Fonsagrada, 1942) o "destacado labor" que vén realizando desde hai décadas en diferentes áreas da lingüística galega, e en particular na lexicografía. Neste ámbito, recordou, o filólogo publicou o Dicionario de dicionarios e dirixe o Tesouro Informatizado da Lingua Galega, ademais de participar na redacción do Dicionario da RAG.

De Ramón Villares (Xermade, 1951) o xurado subliñou os proxectos vinculados coa posta en valor da memoria e dos legados dos emigrantes galegos. O historiador, presidente do Consello da Cultura Galega entre 2006 e 2018, é un dos "intelectuais máis relevantes da Galicia dos últimos lustros e autor dunha extensa obra sobre historia agraria, cultural e política", engadiu.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presidiu onte na Biblioteca de Galicia a xuntanza do xurado, do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente do Consello da Cultura, Xosé Manuel Núñez Seixas; a tesoureira da RAG, Marilar Aleixandre; a académica da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario Asunta Rodríguez; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o editor e xestor cultural Xosé Manuel Aldea Moscoso; a directora de cine, guionista e produtora Zaza Ceballos; a escritora e xornalista María Solar Núñez e a directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas. Como secretaria, actuou a xefa do servizo de Xestión Administrativa da Secretaría Xeral de Cultura, Marta Bardal.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete