Anne Marie Morris, a norteamericana que escolleu o galego para se facer poeta

En xaneiro de 1965 saía do prelo Voz fuxitiva, o número 17 da colección de poesía Salnés (Galaxia). A obra mereceu axiña loanzas da crítica, e non só pola fermosura dos seus versos. A súa autora, Anne Morris, nada en Illinois o 30 de maio de 1916, nunca antes pisara Galicia. Morris escolleu para escribir por primeira vez poesía o galego, idioma que a engaiolou a partir dunha copla que tamén cativara a Rosalía de Castro. Axiña profundaría tamén no mundo poético da grande escritora do Rexurdimento, moi presente no seu libro de poemas.
Exemplar de Voz fuxitiva conservado na RAG
Exemplar de 'Voz fuxitiva' conservado na RAG

Anna Marie Morris (Illinois, 30 de maio de 1916-Oregón, 3 de outubro de 1999) foi unha universitaria tardía. O traballo e o coidado dos fillos impediulle matricularse na universidade ata 1950, mais chegou a coñecer ben varias linguas románicas, entre elas o portugués e o francés, e ensinou italiano e español no Shorter College (Rome, Georgia). Arredor de 1955, Morris descubriu, lendo os Aromas de leyenda de Valle-Inclán, os versos populares "Como chove miudiño...". "Quería saber o significado de Laíño e Lestrove (Que música!). Pensaba que eran nomes de lugares [....] O meu profesor de español díxome que a lingua era o galego", lembraba tempo despois nunha carta. Aquela copla abriulle un novo vieiro a través do cal se mergullaría axiña na poesía de Rosalía de Castro e de Curros Enríquez.

O galego falado escoitaríao pouco despois na voz do mugardés Xosé Rubia Barcia, profesor exiliado na Universidade de California. Pero salvo o falado nalgunhas clases particulares que este lle impartía, para Anne Marie Morris o galego foi durante moitos anos unha lingua só escrita. Case tres décadas despois de saír á luz Voz fuxitiva, a autora falou o idioma da súa voz poética por primeira en Galicia, onde participou no congreso Poetas alófonos en lingua galega, organizado por Xesús Alonso Montero. Para o experto, Anne Marie Morris é de todos os alófonos en lingua galega "o poeta que fala máis desde dentro do galego", expresa en Páxina sobre Rosalía de Castro: "Anne Marie Morris non fai demagoxia cando nos comunica que o idioma inglés quizaves non ten as verbas pra expresar o que ela sente (...). Anne Marie, como poeta, respira en galego, o idioma en que un venturoso día se atopou facendo poesía. Non respira, poeticamente, noutro idioma".

As presenzas de Rosalía de Castro en Voz fuxitiva son "moi explícitas", engade Alonso Montero, que pon como exemplo o poema "Meu amor" ou o capítulo terceiro, "Cantigas do vento", que arrinca con dúas cancións populares da familia das que inspiraron boa parte de Cantares Gallegos. A este capítulo pertence "Ceibe", que se reproduce deseguido.

Ceibe

A Helen Caldwell

Quero ficar ceibe
pra correr cô vento
pra enredar meus cabelos nas estrelas

Quero ir na noite
pra bailar no luar
nas orelas do mar escumante

Quero cantar nas sombras
cantares moi tristes
encol dos vellos amores
que deixéi algures no pasado

Perciso de perdel-o mundo
Perciso de voar no ceo
Cediño os momentos chegaron
de andar no fondo do mar

Quero ficar ceibe
pra correr cô vento
pra enredar meus cabelos nas estrelas