A Xornada de Onomástica Galega afondará na historia colectiva dos nomes das rúas

A Real Academia Galega celebrará o vindeiro 19 de outubro no Museo de Pontevedra a IV Xornada de Onomástica Galega. O encontro, organizado pola Academia coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o propio museo, estará dedicado aos nomes das rúas e contará con catorce especialistas que profundarán no seu sistema de conformación nos centros urbanos de Galicia. O programa prestará atención ao compoñente social, histórico e político que subxace nestes nomes e acollerá a presentación dunha proposta de modelo para as novas denominacións das rúas, baseada na premisa de recorrer primeiro ás formas tradicionais previas antes cás conmemorativas.

Luz Méndez, Víctor F. Freixanes e José Manuel Rey na presentación. Fonte: Deputación de Pontevedra


O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey; e a académica correspondente Luz Méndez, coorganizadora do encontro, presentaron esta mañá no museo a IV Xornada de Onomástica Galega, de entrada libre para todo o público e con posibilidade de inscrición para quen desexe un diploma de asistencia. Tamén se deu a coñecer o libro das actas da edición anterior, dedicada aos alcumes, con dez achegas arredor dos nomes que se lles dan coloquialmente ás persoas en lugar do seu propio. En ocasións anteriores a Xornada de Onomástica Galega abordou os aspectos legais, sociais e lingüísticos dos nomes e apelidos das persoas e, na primeira edición, a microtoponimia. De todos estes aspectos se preocupa o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.

Víctor F. Freixanes agradeceu a colaboración da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra na organización dunhas xornadas que dende hai catro anos converten Pontevedra na "capital dos estudos onomásticos". A cidade, dixo, é un "territorio especial" na historia das actividades da Real Academia Galega, unha condición que continúa a través de iniciativas como estes encontros do Seminario de Onomástica da institución. José Manuel Rey manifestou na mesma liña a vontade do Museo de Pontevedra de "reforzar unha cooperación que ten longa tradición" e que agarda que "continúe ao longo do tempo".

Un tema de interese desde múltiples perspectivas
O estudo dos nomes das vías de comunicación, a chamada hodonimia urbana, é foco de interese non só para a onomástica senón tamén para disciplinas tan variadas coma a sociolingüística, a xeografía da memoria e a xeografía da paisaxe, entre outras, que ven nela un retrato das sociedades a través dos nomes cos que foron bautizando os núcleos máis grandes de cohabitación. A IV Xornada de Onomástica Galega centrarase así no estudo dos nomes das rúas desde varias perspectivas de interese que van desde a análise das denominacións históricas e a recuperación da microtoponimia tradicional para as novas designacións, a algunhas das posibilidades didácticas que ofrece esta parte da onomástica.

Toponimia tradicional fronte á conmemorativa
Tamén se reflexionará sobre a toponimia conmemorativa, "isto é, como se impoñen estes nomes e a intencionalidade desta imposición", explica Luz Méndez. No antigo mundo urbano, a toponimia das rúas, coma o resto da toponimia, tiña un papel utilitario para a sociedade, en canto que describía os trazos do territorio e configuraba unha cartografía mental para os seus habitantes (nomes de rúas con referencias aos oficios que acollían, por exemplo). Pero na actualidade a toponimia das vilas e cidades xa non é de creación colectiva. Cada vez máis, afástase dos habitantes dos lugares e adquire un carácter simbólico que, alertan os especialistas, se basea nunha visión parcial da historia dos que gobernan en cada momento. "Antigamente os nomes transmitíanse durante xeracións; agora as novas denominacións urbanas son cambiantes e, no noso caso, sepultan frecuentemente topónimos tradicionais, que son reflexo da importante interacción que os galegos tivemos coa terra", afonda Luz Méndez. Este aspecto merecerá unha atención especial nunha xornada coa que se pretende concienciar os concellos da importancia de manter a través da hodonimia o que é parte do patrimonio común.

O programa da IV Xornada de Onomástica Galega inclúe ademais relatorios que profundarán na conformación na Idade Media dos nomes de rúas galegas, co foco posto nos casos de Santiago de Compostela e Baiona, e como o seu control significou a apropiación simbólica do espazo público por parte do poder. Abordaranse tamén os procedementos actuais para nomear as novas vías urbanas en Pontevedra, Vigo, A Coruña e Lalín e presentarase unha experiencia sobre os nomes dos espazos urbanos das aldeas.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete