A Real Academia Galega lamenta o pasamento de Xosé Luís Franco Grande

A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Xosé Luís Franco Grande (Tomiño, 1936 – Vigo 2020). O académico de número cultivou a literatura dende moi novo e tamén foi o autor de obras de referencia na divulgación do léxico galego nunha época de grandes carencias nese eido. Como poeta formou parte da chamada xeración das Festas Minervais cunha voz de grande orixinalidade, aínda que a súa estrea como autor foi con Vieiro choído, a obra de teatro que inaugurou en 1957 a colección Illa Nova da Editorial Galaxia.

Xosé Luís Franco Grande. Fonte: RAG


A infancia de Xosé Luís Franco Grande transcorreu en Tebra, no Baixo Miño, onde os seus pais eran mestres. Tras estudar o bacharelato en Vigo, cursou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, unha etapa que o marcaría para sempre. "Debo todo na miña vida aos compañeiros de xeración e aos galeguistas que na década dos cincuenta retomaron a loita pola dignidade nacional de Galicia", salientaba na súa autobiografía de academia.gal. Tras iniciar a carreira profesional como pasante na Coruña xunto a Sebastián Martínez-Risco, exerceu como avogado en Vigo e foi, ata a súa xubilación en 2001, asesor xurídico da Caixa de Aforros de Vigo, un labor que lle impediu dedicarse como el querería á literatura. Así e todo, sempre o compaxinou coa creación e co activismo cultural, cunha participación esencial no desenvolvemento do proxecto da Editorial Galaxia, unha intensa produción como articulista –en cabeceiras como La Noche, Ínsula, Aturuxo ou Vida Gallega– e mesmo a realización dun programa radiofónico semanal na emisora La Voz de Vigo, na compaña de Xohana Torres. Na actualidade era columnista de La Voz de Galicia.

Xosé Luís Franco Grande foi ademais durante moito tempo para o público galego o autor do Diccionario galego-castelán (1968) e do Vocabulario galego-castelán (1972), dúas obras de referencia naqueles anos para a resolución de dúbidas sobre o léxico da nosa lingua.

A procura da identidade humana, do eu íntimo, e o transcorrer do tempo son constantes dende os seus versos de mocidade, premiados en distintas ocasións nas Festas Minervais. Con só 19 anos, mereceu o Premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Buenos Aires polo seu primeiro libro, Brétemas do vieiro, que permanece inédito; e en 1967 recibiu o Premio Nacional Rosalía de Castro polo poemario Entre o si e o non, unha obra de corte existencialista nuns tempos marcados nas letras galegas pola poesía socialrealista. En 1987 veu a lume Herdo de memoria e tempo, en cuxa introdución sinalaba que escribir poesía, en certas circunstancias pouco alentadoras, pode ser un acto heroico do que pende a salvación íntima. Como poeta volveu ás librarías en 2015 con Xoguetes do tempo e, dous anos despois, Libro das abandonadas (2017).

Como crítico e ensaísta, publicou Os anos escuros, I. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-60) (1985), testemuño dos seus anos de estudante universitario en Santiago de Compostela; A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Baixeras (1991), un tributo a trinta e oito amigos que ampliou en 2019 con A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos; Francisco Fernández del Riego. Galeguista de acción e cultura (2001); e Outra política para outros tempos (2013); e fíxose cargo da edición da Obra completa de Leiras Pulpeiro (1970), e da novela de Camilo Gonsar Cara a Times Square (1989).

O académico ingresou na RAG en 1998 cun discurso titulado O Antigo Réxime nunha familia do Baixo Miño, centrado na historia dos Blanco de Sea-Franco na transición á modernidade. Neste traballo, Xosé Luís Franco Grande reviviu, a través de documentos familiares, as vicisitudes dos seus antepasados e o espírito ilustrado dalgún dos seus membros. A encargada de darlle a benvida en nome da Real Academia Galega foi a académica Luz Pozo Garza, con quen colaborara dende os anos 70 na revista de poesía Nordés.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete