A RAG participa no acordo que impulsará unha rede europea de academias de linguas minorizadas

A Real Academia Galega, o Institut d'Estudis Catalans, a Real Academia da Lingua Vasca - Euskaltzaindia, a Fryske Akademy, Lo Congrès Permanent de la Lenga Occitana e EURAC - Institute for Applied Linguistics impulsarán unha rede de entidades homólogas, institutos lingüísticos e centros de investigación de linguas minorizadas ou minoritarias no ámbito europeo co propósito de promover o coñecemento e o respecto da diversidade lingüística do continente. Este é un dos puntos centrais do protocolo de colaboración que foi presentado hoxe polas seis entidades no marco do congreso internacional que Euskaltzaindia celebra en Pamplona dentro do programa de actos do seu centenario.

Pola esquerda, Henrique Monteagudo, Elena Chiocchetti, Andrés Urrutia, Benoit Dazeas, Joan Argenter e Cor van der Meer tras a presentación do protocolo. Fonte: Euskaltzaindia


O encontro organizado por Euskaltzaindia céntrase no labor dunha das súas seccións, Jagon, que quere dicir coidar, o verbo que resume o espírito do protocolo feito público este mediodía. Entre as voces expertas de distintos países europeos que se deron cita no congreso, participou como relator o sociolingüista e secretario da RAG, Henrique Monteagudo.

Na presentación do protocolo participaron xunto a Andrés Urrutia, presidente de Euskaltzaindia, entidade promotora do acordo, Henrique Monteagudo en nome da RAG; Joan Argenter, en representación do Institut d´Estudis Catalans; Cor van der Meer, pola Fryske Akademy, que estuda e defende o frisón, falado en territorios dos Países Baixos, Dinamarca e Alemaña; Benoit Dazeas, de Lo Congrès Permanent de la Lenga Occitana; e Elena Chiocchetti, do EURAC - Institute for Applied Linguistics, da rexión italiana do Tirol do Sur, onde se fala alemán, italiano e ladino.

Segundo recolle o texto, a rede que se impulsará procurará o recoñecemento en cada caso, especialmente das academias, como representantes das súas respectivas comunidades lingüísticas ante as institucións da Unión Europea co obxectivo de garantir os seus dereitos e o seu futuro. A RAG confía en que o novo protocolo facilite ademais avanzar nun posicionamento común que visibilice no contexto estatal a realidade das linguas propias das nacionalidades históricas e poña en valor a diversidade lingüística de España, resaltou na súa intervención na presentación Henrique Monteagudo.

Entre outras medidas, contémplase tamén o intercambio de experiencias no desenvolvemento de recursos e ferramentas lingüísticas que sexan útiles tanto para as comunidades de falantes como para as investigadoras, e incluso se concreta a posibilidade de traballar nunha infraestrutura dixital que poida ser empregada e adaptada ás necesidades de cada unha das institucións.

A colaboración científica, o intercambio de información, a coedición de publicacións de interese común e a coorganización de xornadas, seminarios e congresos son outras das vías de traballo compartido que as institucións se comprometen a fortalecer.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete