A RAG lembra en Pontevedra a primeira colección que publicou en galego tras a guerra civil

A primeira colección de poesía que acubillou versos en galego tras a guerra civil naceu na Pontevedra de 1949 co nome do pirata da Moureira, Benito Soto. Entre a primavera dese ano e a de 1952 sairían do prelo de Gráficas Torres un total de 15 poemarios, grazas ao entusiasmo do fillo do propietario da imprenta, Sabino Torres (1924-2016), e os seus colegas Emilio Álvarez Negreira (1926-2002) e Manuel Cuña Novás (1926-1992). "A colección Benito Soto inaugurou unha etapa de esperanza para a poesía e para a literatura galega nun contexto histórico moi difícil, en plena ditadura de Franco. Se repasamos os títulos que a integran, vemos autores de enorme significación que son aínda hoxe referencias obrigadas da nosa literatura", salienta o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. A institución celebrou o venres no Museo de Pontevedra, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, os 70 anos do inicio daquela aventura.

As persoas intervenientes na celebración dos 70 anos da colección Benito Soto posan momentos antes do inicio do acto. Fonte: RAG


Os versos acubillados polo selo soaron no Edificio Sexto nas voces de familiares de Xosé María Álvarez Blázquez, Celso Emilio Ferreiro, Manuel Cuña Novás e Manuel Fabeiro —parte do catálogo de Benito Soto—, Eva Mejuto, Antón Sobral, Xaime Toxo o os académicos Xosé Luís Franco Grande e Marilar Aleixandre. O programa, conducido pola académica Fina Casalderrey, incluíu ademais a interpretación musical de poemas a cargo de Ánxeles Ruibal, filla doutro dos poetas da colección Benito Soto, José Ruibal.

A conmemoración, organizada pola Real Academia Galega coa colaboración da Deputación de Pontevedra, arrincou coas intervencións do presidente da Academia e a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, e contou tamén con tres intervencións que analizaron diferentes aspectos relacionados coa colección. O académico Xesús Alonso Montero detívose na propia historia da Benito Soto, "un capítulo valioso da causa da lingua e da poesía galegas"; a investigadora Ana Acuña profundou na súa relación con outros proxectos arredor da poesía impulsados por Sabino Torres moito tempo despois: a colección Hipocampo Amigo (1992) e Olga, a Revista de poesía galega en Madrid, un soño do académico correspondente que se presentou ao público en xuño de 2016, pouco despois do seu pasamento; e a investigadora Patricia Arias Chachero defendeu a "importante influencia" de Aquilino Iglesia Alvariño na viraxe da colección Benito Soto cara ao galego.


A imaxe de Benito Soto deseñada por Agustín Portela para a colección, no centro, e catro cubertas do selo


Benito Soto botou a andar con dous libros de Emilio Álvarez Negreira e Sabino Torres, Madrigal e Como el río, ambos os dous en castelán. En diante abriríase a outros autores alén do seu círculo de amizades e o galego tomaría peso no conxunto da colección poética, con 10 títulos dun total de 15. Versos doutros autores tamén moi novos, como Manuel María, debutante con Muiñeiro de brétemas, Manuel Cuña Novás ou Manuel Fabeiro; e ao seu carón creadores de xeracións anteriores como Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero e Xosé María Álvarez Blázquez. Naquela andaina contaron coa estreita colaboración de Celso Emilio Ferreiro, que vertería ao galego unha serie de poemas alemáns publicados nun libriño, Musa alemá. Esta obra tropezaría cos atrancos da censura, que prohibía a tradución ao galego, ao catalán e ao éuscaro.

Aquilino Iglesia Alvariño e a conexión luguesa
O papel do poeta celanovés neste episodio da literatura galega é ben coñecido e atribúeselle unha importante influencia no crecente peso do galego na colección, da que foi director literario, pero a súa non foi a única relevante neste sentido, defende Patricia Arias Chachero. O que fora un dos seus colegas das Mocedades do Partido Galeguista, Aquilino Iglesia Alvariño, autor de Cómaros verdes (1947) —o primeiro libro en galego de relevancia tras a guerra civil—, tamén xogou un papel importante. Como editor, Sabino Torres viaxou por toda Galicia para entrar en contacto con poetas daquel tempo, agás por Lugo. Nesta provincia a súa conexión foi o escritor de Abadín, quen tras aprobar as oposicións en 1949, e antes de se establecer en Pontevedra, exerceu durante un breve período na capital luguesa. "Nesa etapa deulle clase a Manuel María e tamén entrou en contacto co círculo galeguista de Lugo. Carballo Calero, con quen coincidira no servizo militar, acababa de chegar á cidade (onde dirixiría o colexio Fingoi), e Pimentel participaba no faladoiro do café Méndez Núñez, ao que el tamén ía". Todos eles acabarían publicando na colección Benito Soto, ao igual que Álvaro Cunqueiro, a quen coñecía da súa época de estudante en Mondoñedo. Iglesia Alvariño prologou ademais Follas de un arbre senlleiro, de Manuel Fabeiro, e a Musa alemá traducida por Celso Emilio e Antonio Blanco Freijeiro.

Catorce títulos orixinais e unha tradución especial
Benito Soto presentouse ao público en 1949 cun par de títulos dos seus promotores: Madrigal, de Emilio Álvarez Negreira, e Como el río, de Sabino Torres. A terceira entrega, a primeira en galego, foino por partida dobre, cos Poemas de ti e de min dos irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez. Despois virían Dona de corpo delgado, de Álvaro Cunqueiro; Gárgolas, de Tomás Barros; Anxo de terra, de Ricardo Carballo Calero; Cantos de cotovía, de Eliseo Alonso Rodríguez; Triscos, o único libro publicado en vida por Luís Pimentel; Muiñeiro de brétemas, a estrea editorial de Manuel María; El dios de los precipicios, de José Ruibal; Cantigas da noite moza, de Augusto Casas; Follas de un arbre senlleiro, de Manuel Fabeiro; Canciós dise amor que se diz olvido, do poeta andaluz Juan Pérez Creus (que coñeceu o galego a través da lírica medieval); e Fabulario novo, de Manuel Cuña Novás.

O selo publicou tamén Musa alemá, a escolma de poemas alemáns que bateu coa censura. Os versos de Heine, Hölderlin, Rilke ou Agnes Miegel foron vertidos ao galego por Celso Emilio Ferreiro en colaboración con Antonio Blanco Freijeiro. Segundo Sabino Torres, este último traducía os poemas directamente do alemán dunha antoloxía traída das súas viaxes e Celso Emilio Ferreiro recreaba a tradución ao seu xeito. "Foi, sen dúbida, unha colaboración moi eficaz que creou un libro precioso. A súa excepcional calidade pedía unha edición especial e na mesma puxemos o noso maior entusiasmo", valoraba o editor. Tivo un tratamento distinto: novo formato e cualificación de primeiro número extraordinario. Rafael Alonso, o creador da imaxe do pirata que se converteu en icona da colección, debuxou unhas fermosas ilustracións. "As manchas de cor foron gravadas en pranchas de linóleo, porque había que seguir a tradición linoleísta de Pontevedra, e tamén porque así aforramos algúns cartos, pois os gravados a unha tinta saían máis baratos", confesaba Sabino Torres nas súas memorias.

O proxecto editorial ampliouse en 1951 con dúas novas coleccións: Huguín, de ensaios, e Cuadernos de Arte Gallego. Os mozos de Benito Soto pretendían tamén abrirse á prosa, pero poucos meses despois, na primavera de 1952, a singradura remataba coa saída do prelo de Fabulario Novo.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 10 de decembro de 2019 / 18:30 h
Achegamento á literatura de Urbano Lugrís González
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete