A RAG lamenta o pasamento do académico de honra Giuseppe Tavani

A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento do académico de honra Giuseppe Tavani, un dos grandes mestres dos estudos da lírica medieval románica e autor de contribucións fundamentais da galega. O profesor faleceu na cidade onde naceu en 1924, Roma, onde foi catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de La Sapienza.

Giuseppe Tavani desenvolveu desde os anos 50 un inxente labor investigador que comprende máis de trescentos títulos, entre libros, traducións ou artigos. As linguas románicas medievais están na cerna da súa produción, centrada en boa medida na poesía lírica galega e na poesía lírica e na narrativa provenzal, catalá e francesa. O profesor Tavani ofreceu unha interpretación nova e orixinal da nosa literatura medieval na que profundou na idea de Santiago de Compostela como centro difusor, para chegar tamén á conclusión de que a poesía trobadoresca primitiva foi creada en galego e non en galego-portugués. "Galicia inventa unha maneira de facer poesía distinta da transpirenaica, creando un xénero orixinal, que non ten analoxías por ningures", expresaba no seu discurso de ingreso na RAG como membro de honra, en maio de 2004. "O resultado foi un modelo poético que soubo imporlle a toda a Hispania centrooccidental e a poetas non só galegos, e que produciu un conxunto de textos de gran relevancia cultural, máis que suficiente para caracterizala coma unha Provenza peninsular, forxa ou berce dunha das máis importantes manifestacións líricas da Idade Media", concluía.

Ás achegas á lírica medieval galega do académico inclúen tamén edicións críticas e estudos sobre a métrica. Salientan, entre outras obras, La poesia lirica galego-portoghese, publicada en 1970 e traducida ao galego en 1986; o Dicionário da Literatura Medieval Galega e Portuguesa (1993), a Arte de Trovar do cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (1999), As cantigas de escarnio -obra publicada en galego en 1994 en colaboración coa tamén académica de honra da RAG Giulia Lanciani, falecida o pasado mes de novembro-, ou Tra Galizia e Provenza: saggi sulla poesia medievale galego-portoghese (2002).

O profesor tamén encamiñou parte da súa investigación cara á cultura das linguas minorizadas e mesmo traduciu ao italiano distintos autores das letras galegas contemporáneas. "Tavani foi un erudito excepcional, o príncipe dos estudosos da nosa lírica trobadoresca, pero tamén foi un activo promotor do recoñecemento da cultura e a lingua galegas, nomeadamente na súa patria, Italia. Exemplo sobranceiro deste labor é a colección «Poeti e prosatori galeghi» que fundou con Giulia e á que contribuíu persoalmente coa tradución ao italiano do Grifón de Alfredo Conde e Tempo de Compostela de Salvador García Bodaño", expresa o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, no artigo que lle dedica na sección A Tribuna de academia.gal. "O grande humanista Giuseppe Tavani, o entrañable amigo Beppe, deixa un ronsel imborrable de paixón polas letras, de simpatía polos pobos asoballados, de compromiso coas causas xustas, de proximidade e calor humanas que sempre nos acompañará e nunca deixará de inspirarnos", conclúe.

As súas contribucións á cultura de noso foron recoñecidas co Premio da Crítica de Galicia (1987), o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao (1988) ou o título de doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela. Fóra da nosa terra tamén foi distinguido como doutor honoris causa polas universidade de Lisboa e Barcelona e co Premio Internacional Ramón Llull, entre outros recoñecementos.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán 2019


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar