A RAG lamenta o pasamento de Xosé López Calo

A Real Academia Galega lamenta o pasamento de Xosé López Calo. O musicólogo, un dos grandes nomes do seu campo en Galicia e España, faleceu onte en Salamanca aos 98 anos de idade. Era membro correspondente da RAG dende 1967 e gozaba de recoñecemento internacional como experto, entre outros temas, en fondos musicais catedralicios.

Xosé López Calo. Fonte: El Correo Gallego


Xosé López Calo naceu en 1922 na parroquia de Nebra, en Porto do Son, e ingresou na Compañía de Xesús en 1942. Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Comillas e en Teoloxía pola de Granada, era doutor en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e en Musicoloxía polo Pontificio Instituto de Música Sacra de Roma, onde se doutorou en 1962 cunha tese sobre a música na catedral de Granada no século XVI. Dende 1973 era profesor da USC, onde se xubilou como catedrático de Historia da Música. Gran defensor das músicas tradicionais, realizou numerosos catálogos e estudos dos arquivos das principais catedrais de España, entre elas a de Santiago de Compostela, con contribucións esenciais arredor do Pórtico da Gloria e do Códice Calixtino.

O legado do académico inclúe ducias de libros de musicoloxía, artigos e entradas en enciclopedias e nos principais dicionarios de música do mundo, entre eles o alemán Die Musik in Geschichte und Gegenwart e The New Grove Dictionary of Music and Musicians, ao que achegou máis de duascentas voces sobre música e autores españois. Ademais de pertencer á RAG dende finais dos anos 60, era membro de numerosas sociedades e academias: foi socio fundador das sociedades nacionais de musicoloxía de España e Italia, académico de honra da Real Academia Galega de Belas Artes e correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e das de Granada, Sevilla, Segovia e Valladolid. Entre outros recoñecementos, en 1989 recibiu a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes e en 2002, o Premio das Letras e das Artes de Galicia.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 8 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Ricardo Carballo Calero no seu tempo
Xoves 15 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Estudos sobre literatura
Xoves 22 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Creación literaria
Xoves 29 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Ideas e achegas ao idioma
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete