A obra 'Toponimia de Ames' preséntase o 4 de abril en Bertamiráns

A Colección Terra Nomeada da Real Academia Galega segue a medrar. O Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames) acollerá o xoves 4 de abril, ás 20:30 horas, a presentación de Toponimia de Ames, un traballo do filólogo Xosé Ramón López Boullón que profunda na orixe de 116 nomes de parroquias e lugares habitados. A obra complétase coas explicacións da orixe doutros 13 topónimos, entre eles o que lle dá nome ao val e a comarca de Ames, A Maía, os de ríos como o Sar e o Tambre ou os de montes como O Mar de Ovellas.

O autor estará acompañado polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Onomástica da Academia, Ramón Lorenzo; a presidenta da Asociación Galega de Onomástica (AGOn) e académica correspondente, Ana Boullón; o alcalde de Ames, José Miñones; e a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero.

As tres entidades, RAG, AGOn e Concello, colaboran nesta edición, que foi posible tamén grazas á colaboración de informantes que acompañaron e axudaron a Xosé Ramón López Boullón a coñecer mellor o territorio de Ames. O filólogo, que formou parte no seu día do Proxecto Toponimia de Galicia, ten ademais vínculos afectivos con esta terra. Aínda que naceu en Compostela, el mesmo viviu neste concello dez anos.

O volume explica, entre outras moitas cuestións, que malia seren formalmente semellantes os topónimos Ames e A Maía proceden de étimos diferentes, nunha introdución que é un percorrido pola historia destas terras a través dos topónimos, algúns deles de orixe prerromana. Este podería ser o caso, segundo unha das hipóteses manexadas, da parroquia de Agrón, topónimo único en Galicia e que non ten relación con agro malia a aparencia, sinala o autor.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán 2019


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar