A nova plataforma Galicia Nomeada abre a recolleita de microtopónimos á colaboración cidadá

Galicia é un país dunha riqueza toponímica extraordinaria. Os seus 29.574 quilómetros cadrados representan o 6% do territorio de todo o Estado e acubillan un terzo das entidades de poboación, máis de 38.000 con cadanseu nome. Todos eles conforman a toponimia maior xa rexistrada no actual Nomenclátor de Galicia, mais fican aínda milleiros de microtopónimos tradicionais vivos na memoria das persoas de máis idade que urxe recompilar. Nomes de leiras, fontes, camiños, regos, devesas ou penedos, e nomes tamén da franxa intermareal e mesmo do fondo do mar que funcionaron como localizadores xeográficos durante séculos. Ata o momento recompiláronse máis de 478.000, pero calcúlase que en total poderían superar os dous millóns, cifra que dá conta da "excepcionalidade dun patrimonio inmaterial que constitúe unha parte fundamental da nosa memoria histórica", salienta o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. O Seminario de Onomástica da institución leva moitos anos traballando na súa conservación e divulgación, o obxectivo co que nace agora a nova ferramenta dixital Galicia Nomeada.

A Real Academia Galega e a Xunta de Galicia presentaron hoxe esta plataforma na que colaboran, que pretende facilitar a cooperación cidadá interxeracional para a recolleita da microtoponimia. O espazo virtual permitirá aos usuarios xeorreferenciar os nomes do territorio da súa contorna e acompañalos de fotografías, textos e gravacións coa súa pronuncia, lendas asociadas ou descricións.

Galicia Nomeada conta cunha versión de escritorio e tamén está dispoñible nunha aplicación para móbiles Android e iOS. Os topónimos introducidos polos usuarios serán supervisados por un equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, responsable dos contidos da plataforma, desenvolvida ao abeiro dun acordo coa Xunta de Galicia no que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) asumiu a parte tecnolóxica. A plataforma chega acompañada da actualización do portal Toponimia de Galicia, no que colaboran igualmente a Academia e a Xunta de Galicia. Esta web, desde a que se poderá acceder tamén a Galicia Nomeada, enriquécese con novos contidos divulgativos elaborados polos especialistas da RAG co propósito de ser o espazo de referencia para todos os amadores da toponimia. 

Tanto Toponimia de Galicia como a plataforma colaborativa Galicia Nomeada, forman parte das actividades desenvolvidas no ámbito de actuación do Programa de Cooperación Interreg V A España – Portugal (POCTEP 2014-2020), que se incardinan no proxecto 0358 GEOARPAD "Patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal". Trátase dun proxecto sobre a dixitalización do noso patrimonio cultural colectivo no que participan a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Instituto de Estudos do Territorio, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Real Academia Galega.

Unha parte fundamental dun tesouro común
"O Seminario de Onomástica da RAG leva moitos anos traballando na recuperación do patrimonio histórico que significan os nomes de lugares e entidades de poboación, accidentes xeográficos etc. Ser conscientes do seu valor é unha maneira de ser conscientes da nosa significación histórica", expresa o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. O valor dos novos recursos dixitais, engade o responsable da Academia, é dobre: "Por unha banda, permiten avanzar na recuperación do patrimonio da nosa lingua referido aos nomes do noso territorio, extraordinariamente poboado durante séculos en comparación con outros territorios de Europa, e por outra banda pretenden implicar a poboación na defensa, no coñecemento, na fixación e na divulgación deste tesouro", detalla.

Galicia Nomeada facilitará ademais "un diálogo activo entre xeracións", no que os maiores exercerán como informantes da riqueza que custodian, prosegue Víctor F. Freixanes, que anima á participación cidadá tanto individual como colectiva, a través de asociacións culturais, de veciños e veciñas, centros de ensino e demais entidades. "Todos eles son axentes activos esenciais para facer realidade esta experiencia da que podemos sentirnos orgullosos polo seu carácter pioneiro", conclúe.

A propia Lei do patrimonio cultural de Galicia, aprobada en 2016, compromete a Xunta de Galicia e demais institucións de Galicia na preservación da toponimia tradicional, que é recoñecida tanto polo seu "valor identitario" como pola súa función de "instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos pobos e dos seus bens".

Verificación das achegas cidadás
Víctor F. Freixanes interveu na presentación de Galicia Nomeada e o novo Portal da Toponimia canda o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; a directora xeral da AMTEGA, Mar Pereira; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director do Instituto de Estudos do Territorio, Guillermo Ramón Evia; e Vicente Feijoo, coordinador do equipo técnico de toponimia da RAG, que explicou os detalles da ferramenta colaborativa. Tras os traballos de verificación da existencia dos nomes de lugares e da localización que acheguen os usuarios de Galicia Nomeada, estes pasarán a formar parte do banco de topónimos normalizados de toda Galicia e estarán dispoñibles a través do visor de topónimos do renovado portal Toponimia de Galicia. "Os datos servirán de referencia para os traballos da Administración pública que implican actuacións sobre o territorio, para o mundo da investigación, para o sector empresarial e para a sociedade en xeral", apunta Vicente Feijoo.

Quen desexe colaborar no proxecto ten ao seu dispor un formulario de contacto onde, alén dos datos persoais, deberá indicar os motivos que o levan a participar no proxecto e os lugares, aldeas ou concellos nos que vai traballar.

Máis de 6.600 novos microtopónimos achegados por colaboradores na fase de probas
Galicia Nomeada ábrese hoxe a todo o público tras unha fase de probas desenvolvida nos últimos meses. As persoas que colaboraron nela introduciron un total de 6.661 microtopónimos que xa foron revisados e validados pola Real Academia Galega. Súmanse aos topónimos de entidades de poboación do Nomenclátor e aos máis de 430.000 rexistrados polo proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011) —que se centrou na recollida da microtoponimia—, de tal maneira que a cifra de nomes de lugares recompilados supera os 478.000. Nestes momentos xa é posible visualizar sobre a ortofoto de Galicia 287.695 e descargar a información dispoñible sobre eles (coordenadas, tipoloxía xeográfica ou fonética) tanto na aplicación Galicia Nomeada coma no visor de topónimos do Portal Toponimia de Galicia. Os microtopónimos do proxecto Toponimia de Galicia pendentes de xeorreferenciar iranse incorporando á base de datos a medida que o Instituto de Estudos do Territorio complete este labor.

Máis de 2.150 dos microtopónimos engadidos na fase de probas foron achegados por Alberte Reboreda e pertencen ás parroquias de Rebordelo e Covelo de Cercedo-Cotobade; Xoán Carlos García Porral xeolocalizou 771 en Lalín e Silleda; Ana Clotilde Bravo recompilou 635 das parroquias de Isorna e Leiro en Rianxo; Rocío Romar contribuíu con medio milleiro de Baio (Zas); Sandra Beis Silva rexistrou 374 de Novefonte e Fao (Touro); María Cernadas, 296 de Rianxo e Taragoña e Susana Silva, 225 de Araño e Asados (Rianxo). Cómpre salientar tamén as contribucións de María Cando (Moncelos, Abadín), Xoán Goris (Saiáns, Moraña), María Pol (Lodeiro, Lalín), Manuel Souto (O Pindo, Carnota), Nicanor Palomares (Cualedro), Iria Trasbach (Boiro), Carlos Lixó (Illa de Sálvora, Ribeira), a asociación cultural Ardóbriga de Pontedeume, e Iván Méndez (A Coruña) e Óscar Castro (Rois), parte do equipo técnico da RAG.

Fotos aéreas do territorio desde os anos 50
Galicia Nomeada non só visualiza todos os microtopónimos rexistrados ata o momento sobre a fotografía actual da superficie terrestre do territorio galego. É posible ademais seleccionar ortofotos desde 2002 ata 2017 e tamén a de 1956 en branco e negro, o chamado voo americano, para observar a evolución da paisaxe nas últimas décadas e mesmo visualizar as terras que quedaron asolagadas baixo os encoros construídos nos anos 60 e 70. A aplicación incorpora ademais a capa da planimetría do catastro actual, así como mapas cartográficos do Instituto Xeográfico Nacional a diferentes escalas.

Un espazo ameno para saber máis dos nomes da terra
A estrutura para a recolleita da microtoponimia complétase coa nova versión da páxina Toponimia de Galicia, que se enriquece con diversas seccións desenvolvidas pola Real Academia Galega. Entre elas destacan o "O Seminario de Onomástica responde", que tentará dar resposta ás preguntas da sociedade galega sobre os criterios aplicados na oficialización dos topónimos maiores ou sobre a súa orixe e significado; "Detrás do nome", que acubillará artigos e vídeos sobre o significado de todo tipo de topónimos con rigor científico e sinxeleza, e deterase nos máis curiosos que se vaian incorporando a Galicia Nomeada; e "Sabias que...?", que ofrecerá pílulas informativas dedicadas á relación da toponimia coa fraseoloxía e cos cantigueiros, ás etimoloxías populares e a outras historias de interese que agochan os nosos topónimos.

O traballo de divulgación en materia de toponimia da Real Academia Galega abrangue ademais outras iniciativas como a colección Terra Nomeada, na que viron ata o momento a luz os volumes dedicados aos topónimos de, Ames, Agolada, Trabada, A Estrada e Begonte e Rábade; e a campaña de charlas Toponimízate, desenvolvida en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e centrada na difusión da toponimia local e o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada. A terceira edición, que rematará o 27 de decembro en Vilalba, chegou a 16 concellos galegos e do Bierzo e desenvolveu unha experiencia piloto no centro de atención ás persoas maiores das Neves que incide na colaboración interxeracional que se pretende promover con esta ferramenta.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete